Aberto o prazo de solicitudes de estancias formativas do programa Cultiva 2024

As solicitudes poden presentarse ata o 5 de setembro e o catálogo co que elixir entre as máis de 200 explotacións modelo de acollida está publicado na web do ministerio


O Ministerio de Agricultura abriu o prazo para as persoas mozas interesadas nas estancias formativas en explotacións agrícolas e gandeiras dentro do programa Cultiva 2024. As solicitudes poden presentarse ata o 5 de setembro, incluído, na sede electrónica do ministerio.

Na web da administración pódese consultar o catálogo coas explotacións ofertadas onde se poden realizar as estancias formativas, con información detallada sobre as características de cada unha delas. Na busca, pódese seleccionar a estancia por territorio, data e produción agraria. Estas explotacións están distribuídas por todas as comunidades autónomas e destacan por ser referentes dende o punto de vista da innovación, medios produtivos, modelo de negocio e as características sociais, ambientais e climáticas.

As estancias ofertadas están organizadas polas entidades colaboradoras do programa: Asociación Agraria Jóvenes Agricultores (ASAJA), Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta (ASOPORCEL), Cooperativas Agroalimentarias de España (CAE), Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG), Fundación San Isidro Micas, Unión de Escuelas Familiares Agrarias (UNEFA), Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA), e Unión de Uniones de Agricultores y Ganaderos.

O programa cubre os gastos de aloxamento, manutención e transporte das persoas participantes durante a estancia formativa. Ademais, contarán cunha compensación por gastos de substitución para a atención e xestión da súa explotación por parte dunha terceira persoa.

Requisitos para participar
As estancias están dispoñibles para todas as persoas profesionais agrarias titulares de explotación de ata 40 anos de idade, e tamén para aquelas que tendo 41 ou máis anos, se instalaron nos últimos 5 anos, con 40 anos ou menos. Estas persoas poden elixir explotacións con producións iguais ou diferentes ás súas, independentemente do sector, e sitas en calquera punto de territorio nacional.

No caso de haber participado no programa en anos anteriores, non pode asistir a estancias nas que xa estivera previamente.

Toda a información

Comments are closed.