ApiConecta, unha iniciativa galega que ofrecerá unha ferramenta dixital para xestionar a información das colmeas

O proxecto busca xerar un recurso dixital que beneficie á apicultura galega mediante a dixitalización da información recollida na visitas aos colmeares

ApiConecta. Tecendo Conexións Dixitais para Fortalecer a Apicultura creará unha ferramenta dixital que beneficiará á apicultura galega mediante a dixitalización da información recollida nas visitas ás colmeas e tamén se establecerá unha rede de comunicación áxil e bidireccional entre apicultores e persoal técnico.

O grupo operativo está formado pola Agrupación Apícola de Galicia, o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e a UVigo participa, concretamente, dende a Facultade de Ciencias do Campus de Ourense cun equipo do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais liderado por Mª del Carmen Seijo, e outro equipo da Escola Superior de Enxeñaría Informática, composto neste caso liderado por Eva Lorenzo e Lourdes Borrajo.

Unha oportunidade para a modernización
Este proxecto, segundo o grupo operativo, presenta unha oportunidade de “modernización do sector” incorporando sistemas de dixitalización da información e establecendo canles de comunicación para mellorar a xestión das explotacións apícolas. A dixitalización da apicultura ofrece grandes oportunidades para mellorar o traballo de apicultores e técnicos e a interrelación entre ambos, “conexión fundamental para aumentar a viabilidade das explotacións”.

Concretamente, ApiConecta proponse poñer a disposición do sector apícola galego unha rede integrada ou comunidade informatizada formada por apicultores e técnicos, que actúe como punto central de comunicación e difusión para mellorar a viabilidade das colonias de abellas. En primeiro lugar, ao seu abeiro desenvolverase un sistema de comunicación interactivo entre o persoal técnico e apicultores baixo unha mesma canle de difusión de xeito bidireccional. A ferramenta creada permitirá aos apicultores recibir notificacións inmediatas sobre posibles ameazas ou enfermidades que afectan ás abellas, dando a oportunidade de tomar medidas preventivas ou correctivas de maneira oportuna e reducindo así as perdas.

En segundo lugar, en ApiConecta crearase un módulo de recoñecemento de voz que simplifique a recollida de información durante as visitas ás colmeas. Un sistema de recollida de información por voz, engaden, “permitirá tomar datos das colmeas dun xeito doado, evitando riscos, xa que non será necesario deixar as mans ao descuberto”. Por último, deseñarase un repositorio de datos na nube que recolla e manteña accesible información sobre o estado das colmeas, poñendo a disposición do apicultor e do técnico ferramentas dixitais para “facer un seguimento, avaliar o estado das súas colmeas, tomar decisións e actuar”.

Ademais esta tecnoloxía permitirá que os apicultores se adapten mellor aos retos presentes e futuros do sector, pero tamén que sexan punteiros a nivel nacional en canto á implementación de xestión das explotacións apícolas. Calcúlase que este recurso pode ser utilizado polos apicultores galegos, pero tamén por todos os apicultores españois, xa que non hai un recurso similar no territorio nacional. Incluso podería ser utilizado polos apicultores do Norte de Portugal, cunha apicultura similar á nosa.

Financiamento
ApiConecta tivo a súa xuntanza de lanzamento este mes e desenvolverase ata 2026 financiado polas axudas da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia para proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027.

Comments are closed.