Cabras con alpendres móbiles, unha innovación para a xestión do monte veciñal do Carballo
Esta comunidade de Friol vense significando pola diversificación de aproveitamentos e a xestión do mato con cabalos, porcos celtas e agora cabras
Hai dous anos que a Comunidade de Montes do Carballo, en Friol (Lugo), decidiu empezar a introducir cabras para chegar a aquelas zonas que co Porco Celta e os cabalos non abranguían. Traballan en colaboración coa Granxa Teixeira e Pistón (Becerreá), que a nivel de manexo empregaba un sistema similar ao que están desenvolvendo en Friol. Esta cooperación, que auguran que sexa a longo prazo, fai que en momentos puntuais a comunidade pase dos 50 animais cos que conta na actualidade, a máis de 100.
A iniciativa púxose en marcha grazas a unha axuda do programa de pastoreo para previr incendios, ‘O que non arde’, impulsado no 2022 pola Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que este ano cumpre a súa segunda anualidade. Dende a comunidade de montes deseñaron uns alpendres modulares que son facilmente transportables no pastoreo. “Temos un sistema de rotación co que nos imos movendo por todo o monte, en unidades de 3 a 5 hectáreas, polo que ter uns alpendres que se monten e desmonten de xeito sinxelo facilítanos o traballo”, expón José Manuel Iglesias, técnico da Comunidade.
O alpendre modular, ademais de protexer ás cabras das inclemencias meteorolóxicas, conta cun sistema interno en forma de manga que acaba nun apertamento cunha grella. É un deseño novidoso que se eleva e no que a cabra encaixa as patas, quedando suspendida. Deste xeito facilítase o seu manexo sanitario.
No alpendre pódese habilitar tamén unha zona, cuberta con lona, para darlle de comer aos dous mastíns que teñen vixiando as cabras. “A idea a futuro é ter un dispensador de penso metido aquí para non ter que ir todos os días a darlle de comer aos animais”, engade Iglesias.
Tamén fan un aproveitamento da auga da choiva, xa que hai zonas nas que non dispoñen de auga natural. Neses casos, recollen a auga e fíltrana cun sistema de pedras e area, “ao estilo máis rústico, pero que nos aforra ter que carrexala”. Contan cun depósito duns 1.000 litros, que colocan nunha plataforma coa que transportan o alpendre desmontado.
Montar e desmontar os alpendres para as cabras reduciuse de un día a dúas horas
Arredor do alpendre, está o espazo de pastoreo das cabras, protexido por unha malla eléctrica. Para mellorar o funcionamento deste valado perimetral, crearon uns elementos para facilitar a tensión do malla eléctrica coa que pechan os terreos. “Son uns contratensores de ferro, utilizados en cambios de dirección onde se emprega unha vara de fibra de vidro robusta e un contratensor, que permiten unha mellor tensión e que así o peche non quede colgado nin se baixe”, explica.
Con todas estas innovacións, a man de obra redúcese. “Antes levábanos un día colocar unhas lonas para cubrir aos animais, que nos daba moito traballo. Agora cos alpendres móbiles e todo este sistema que creamos, facemos o cambio de zona de pastoreo moito máis áxil”, aclara Iglesias. O obxectivo é ter a garantía de que as podes manexar dunha maneira rápida, fácil e segura, e como no mercado non dispuñan de material para o manexo das cabras en extensivo “decidimos innovar”, subliña.
Os traballos dos peches fanos case todos os meses do ano, xa que un terreo dunhas catro hectáreas para 100 cabras dúralles aproximadamente un mes. “Deste xeito, nun día entre dúas persoas temos todo listo para as cabras. É un sistema bastante simple”.
Rendemento económico da cría de animais
Polo momento teñen unhas 50 cabras, co obxectivo de chegar a criar uns 100 cabritos de maneira anual. “Nuns dous anos lograremos ese nivel de animais, aínda que contamos seguir colaborando coa Granxa Teixeira e Pistón nun futuro. As expectativas actualmente son boas”, puntualiza o técnico.
A cría destes animais séguena a compaxinar coa cría de Porco Celta, que agora, coincidindo co San Martiño, acada un pico de vendas de arredor de 60 animais. Cómpranos cuns 3 meses e véndenos á industria, a particulares e tamén aos comuneiros, estes últimos mércanos a prezo de coste. O Porco Celta require menos traballo, xa que durante a ceba permanecen no mesmo espazo e só teñen que facer o cambio de instalacións cando empezan a cebar novos animais.
Iglesias destaca que en canto a gastos de xestión do rabaño de cabras non son moi “elevados”, xa que para a enerxía dispoñen de placas solares, penso só o necesario para suplementalos, buscando un aproveitamento óptimo do recurso natural existente e actualmente contan cunha persoa asalariada para distintos traballos no monte veciñal. “Ás cabras case non lle damos penso, só para que se acheguen a nós e así poder collelas cando é preciso, pero é un gasto mínimo”.
O lobo, un problema para a cría de cabalos
Ata o de agora, nas cabras e nos cochos non percibiron perdas por causa do lobo, porén nos cabalos son continuas. “É un tema moi complexo, porque temos no monte uns 11 kilómetros de valado que non damos controlado diariamente”, comenta Iglesias, e engade que por isto “pensámonos moito se introducir as cabras ou non, porque temíamos que nos pasase o mesmo”. Aclara que ao Porco Celta non lle ataca porque é un animal que se defende mellor e nas cabras contan cos dous mastíns, “que farán o seu traballo, xunto coa malla eléctrica”.
Comunican só un 3 % das perdas de cabalos
Porén, cos cabalos de raza pura galega si que teñen un problema máis grave. Actualmente contan cuns 50 animais, “queríamos ter máis, pero é inviable”. Dende a comunidade son conscientes de que lles entra o lobo e que perden moitas crías que nin sequera chegaron a ver: “Daremos comunicado un 3 % das perdas”.
O técnico explica que o lobo busca entrada por debaixo do peche e, algunha vez, nas cámaras que teñen instaladas pola área, ven como arrastra as patas dos animais abatidos, “pero non podemos facer nada, porque é moito terreo para ter vixiado diariamente, por iso agora centramos os esforzos de defensa contra lobo nas cabras e nos cochos”, conclúe.