Grass2Beef: Un proxecto para abaratar e facer máis sustentable o cebo dos becerros en Galicia
Establecer sistemas produtivos alternativos aos convencionais cun menor consumo de concentrados e unha maior utilización de pastos e forraxes no cebo dos becerros en Galicia.
Ese é o obxectivo principal de Grass2Beef, un proxecto de innovación que ven de ser aprobado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (ACAGAL) dentro da convocatoria de axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027.
A investigación, que se realizará ata o ano 2026 e conta cun orzamento de 148.643,37 €, está liderada por Beealia S.C., e conta coa colaboración do Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA), e das ganderías Facomar S.C., Ovidio Ángel Méndez Rodríguez e de Andrés Fernández Rodríguez.
O obxectivo principal do proxecto é establecer sistemas produtivos alternativos aos convencionais cun menor consumo de concentrados e unha maior utilización de pastos e forraxes. Isto preténdese alcanzar sen que a calidade do produto final diminúa -especialmente a nivel de engraxamento- e sen que a rendibilidade das explotacións quede condicionada.