Medidas de prevención, o mellor método para evitar o síndrome da vaca repetidora

Luis Ángel Quintela explícanos como esta síndrome afecta nas explotacións e cales son as medidas a tomar para evitar que apareza nas granxas.


As vacas soen ter dificultades para quedaren preñadas e, en certos casos, estes fallos reprodutivos non teñen unha causa evidente. Cando estes erros se repiten tres ou máis veces, e non hai evidencia doutros signos de causa, considérase síndrome da vaca repetidora (RBC). En todo o mundo, os datos desta enfermidade son elevados e causan efectos negativos na economía agrícola. Debido á complexidade desta síndrome, é importante aumentar o coñecemento sobre os mecanismos involucrados, desenvolver novas ferramentas de diagnóstico para diferenciar os axentes causais e implementar novos tratamentos para restaurar a fertilidade.

A imposibilidade de concibir descríbese como unha das principais razóns para sacrificar vacas. Hoxe en día, a discusión vai máis aló dos aspectos económicos asociados coa infertilidade e tamén considera as implicacións ambientais e de benestar animal das vacas abertas, que son factores que inflúen nas decisións de sacrificio, incluída a idade á que se debe sacrificar aos animais. Existe unha crecente presión social para protexer aos animais, o que expón dúbidas sobre a idade adecuada para sacrificar ás vacas.

A síndrome da RBD afecta do mesmo xeito en sistemas intensivos que en extensivos

O investigador da USC Luis Ángel Quintela realizou unha investigación sobre este tema e explica que este problema está xeneralizado en todo o mundo e que afecta, especialmente, as ganderías de vacún de leite. “Nas de carne é menos problemático porque non están suxeitas a un estrés de produción”, comenta. Ademais engade que tampouco está suxeito a un tipo de sistema, é dicir, “se nunha granxa en intensivo teñen un bo manexo, non ten que ser un problema grave. Por iso, pódese dicir que esta síndrome non vai suxeita a un sistema de intensivo ou extensivo”.

Un bo manexo e unha boa alimentación son claves

Esta enfermidade ten moitas causas posibles que a provocan, por iso ter un diagnóstico certeiro é fundamental para o posterior tratamento. “Actualmente o que se soe facer é aplicar tratamentos que soen funcionar, pero non sempre son os axeitados”, comenta Quintela. Indica que ultimamente teñen un uso frecuente os embrións terapéuticos “porque cando ti introduces un embrión fecundado a unha vaca xa está no día 8, polo que te estás saltando os pasos de fecundación, primeiros estadíos de desenvolvemento embrionario etc. e xa te quitas as posibilidades de erros que hai neses días”, expón. Un tratamento axeitado para cada caso só “sairía de ter un diagnóstico certeiro de cal é a causa desta síndrome en cada caso”. Por exemplo, detalla que na endometrite subclínica aínda están a investigar “e está o tema complexo”.

A reprodución é considerada unha función de luxo e as vacas non a levarán a cabo se non teñen a enerxía necesaria
Previr é a clave porque se poden evitar moitos problemas. “Un bo coidado da transición (preparto, parto e posparto), boas parideiras, hixiene, limpeza… en definitiva, un bo manexo é fundamental”. A alimentación, entre outros temas esenciais, “é básica para un bo funcionamento reprodutivo nas explotacións”. Luis Ángel resalta que a reprodución é unha “función de luxo”. Por iso, se o alimento non lle xera a suficiente enerxía a vaca non vai a reproducirse e terá dificultades. “Se lle baixa á alimentación, o primeiro que deixará de facer é a reprodución, seguirá producindo leite en maior ou menor medida”.

O investigador resalta que un bo manexo e unha boa alimentación evitará moitos problemas, “sempre haberá unha porcentaxe de erros, pero ao final todo o que se refire ás vacas céntrase moito na prevención”.

Perdas económicas

Para determinar a vida económica produtiva óptima das vacas leiteiras é necesario considerar tres factores: a toma de decisións económicas racionais, os cambios no rendemento das vacas ao longo do tempo e o progreso xenético acelerado asociado coas novas tecnoloxías reprodutivas e as probas xenómicas . Ademais, hai moitas outras variables que poden influír na toma de decisións nas explotacións agrícolas, o que dificulta o establecemento de regras universais nesta área.

Coa RBD aumentan os días en leite polo que crece a cola de lactación

Para estimar o custo económica desta síndrome, téñense en conta numerosos parámetros. En Michigan realizouse un estudo económico integral sobre a RBC e observouse que as maiores perdas ou costos económicos estaban asociados coa produción de leite, o sacrificio e o custo do seme adicional, entre outros. O investigador incide en que “cada inseminación máis que poñemos son 21 días máis, como mínimo, que se aumenta o intervalo entre partos e que soben os días en leite, e iso supón perdas económicas na explotación porque son días que aumentamos á cola de lactación, non á zona boa de lactación”.

Luis Ángel indica que outro problema económico é que “se o animal ten esta síndrome en varias ocasións, acábase eliminando por baixa fertilidade e acábase introducindo un animal de recría. Todo isto representa unha perda”.

Comments are closed.