O Grupo Operativo DIXITEGA dixitalizará a cadena de valor da IXP Ternera Gallega na EFA Sergude
O centro acollerá dúas charlas formativas dirixidas ao alumnado dos ciclos medios e superiores para abordar temas como a importancia do tratamiento e protección de datos
O proceso de dixitalización da cadea de valor da produción cárnica de IXP Ternera Gallega a través do Grupo Operativo DIXITEGA continúa para ter lista a plataforma tecnolóxica a finais de 2024. Tras o seu inicio en 2022, o proxecto atópase inmerso na terceira fase de traballo de desenvolvemento e testeo da aplicación e, en paralelo, están a realizarse varias xornadas formativas e divulgativas con axentes relevantes do sector.
Neste primeiros tres meses do ano programáronse cinco sesións nas EFAs Fonteboa (Coristanco) e Sergude (Boqueixón) co obxectivo de achegar aos futuros traballadores e traballadoras das explotacións agrogandeiras de Galicia ao uso das tecnoloxías e modelos avanzados de xestión dixital. As formacións, con orientación práctica, serán conducidas por DIH DATAlife, unha das entidades colaboradoras do Grupo Operativo DIXITEGA.
O pasado 25 de xaneiro tiveron lugar as dúas primeiras charlas no Centro de Formación Rural – EFA Fonteboa (Coristanco) con alumnado do 2º ciclo superior en Paisaxismo e Medio rural e do ciclo medio de Gandería.
Formación en Boqueixón
Este luns, 4 de marzo, a formación continuará na EFA Sergude con outras dúas sesións de 9:00 a 11:00 horas dirixidas ao alumnado do ciclo medio de Produción Agropecuaria e de ciclo superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal. Ademais de abordar a importancia do tratamento e protección de datos, oportunidades de financiamento ou ferramentas 2.0, mostraranse exemplos de aplicacións prácticas para as ganderías como Contaláctea ou Contacarne. O equipo de DIH DATAlife tamén repasará casos de éxito de uso das TIC no sector agropecuario.
En próximas datas está prevista unha sesión práctica no uso dalgunha ferramenta dixital avanzada para os alumnos do ciclo superior Gandería e Asistencia en Sanidade Animal.
Estado da aplicación DIXITEGA
O verán pasado, os socios do GO DIXITEGA abriron un proceso participativo para consultar a opinión a unha mostra de entidades durante o que se constatou a necesidade de contar cunha plataforma TIC sólida e flexible para a IXP Ternera Gallega. Esta ferramenta busca facilitar o acceso e manexo conxunto de fontes de datos públicas e privadas relevantes para a cadea de valor da indicación xeográfica dunha forma concisa, contrastada e visual que mellore a toma de decisións.
Ao mesmo tempo, a implementación das TIC facilitará a consecución dos obxectivos de sostibilidade establecidos no Pacto Verde Europeo e na Estratexia da Granxa á Mesa. Do mesmo xeito, a dixitalización neste segmento fará posible que a produción cárnica galega sexa, para os próximos anos, máis competitiva e sostible, tanto económica como social e ambientalmente. Resólvese, deste xeito, unha das necesidades máis importantes do sector para o futuro.
O Grupo Operativo DIXITEGA conta cun orzamento de 176.329,19€ financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da Fundación Juana de Vega (coordinadores), participan a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador das IGPs de Carne de Vacuno de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). As entidades colaboradoras son o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), ACRUGA e DIH DATAlife.