Seminario online sobre os avances na agricultura de precisión con millo forraxeiro
O Grupo Operativo galego Millopreciso levará a cabo un webinar o 24 de outubro para presentar todas as innovacións
Millopreciso levará a cabo o martes 24 de outubro un webinar online para presentar o seu proxecto de innovación. Na xornada, representantes das entidades que o integran mostrarán os traballos nos que están inmersos para lograr os obxectivos e resultados agardados polo Grupo Operativo.
Este proxecto naceu en 2022 e ten por finalidade o desenvolvemento da agricultura de precisión en Galicia no cultivo de millo forraxeiro. Deste xeito permitirase unha xestión máis eficiente dos recursos agrícolas mediante a análise de datos recollidos durante todo o ciclo produtivo do cultivo.
O webinar é gratuíto, comezará ás 10:00 horas e terá unha duración de dúas horas. Para asistir é preciso facer unha previa inscrición e está dirixido aos axentes do sector e o público en xeral. Contará con charlas de representantes das catro entidades galegas que integran o proxecto: Marcos Otero SL, a Gandería Francisco López Pena, o grupo de investigación de Modelización, Enerxía e Mecanización de Biosistemas da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Empresa-Universidade Galega.