Xornada na Semana Verde de Galicia sobre uso de epixenética para a cría sostible de razas autóctonas

Exemplares de Porco Celta. Imaxe de arquivo

FEUGA organiza este xoves 5 de xuño un evento no marco do proxecto europeo GEroNIMO no que expertos e criadores abordarán os últimos avances a nivel europeo no uso da epixenética para a cría sostible das razas autóctonas.

A xornada terá lugar ás 13:30 horas na Sala Miradoiro do Recinto Feiral de Silleda e será de asistencia libre e gratuíta previa inscrición na seguinte ligazón.

Os asistentes a esta xornada poderán coñecer de primeira man os recursos máis punteiros no campo de epixenética aplicada á reprodución dos animais, grazas ao traballo desenvolvido dentro do proxecto europeo GEroNIMO, no que FEUGA participa como responsable das tarefas de relación con axentes interesados e a explotación de resultados.

Tatiana Zerjal, co-coordinadora do proxecto e investigadora do Instituto Francés de Investigación para a Agricultura, a Alimentación e o Medio Ambiente (INRAE), será a encargada de presentar as principais achegas de GEroNIMO.

A continuación, expertos e criadores locais compartirán as súas experiencias e coñecementos nas seguintes temáticas:

• A recuperación das razas autóctonas españolas – Anisia Arias Vázquez. Responsable I+D+i FEDERAPES e BOAGA.

• Raza Galiña de Mos: Sabor de raza – Juan José Insua Louro. Veterinario colaborador da Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos – AVIMOS.

• Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia – Iván Rodríguez Paz. Director Técnico de ASOPORCEL.

• Bio4trace: Biotecnoloxía para a rastrexabilidade e a selección xenética en razas minoritarias españolas – Roberto Besteiro Doval. Investigador do CIAM de Mabegondo.

O evento pecharase cun debate e un café posterior, cuxo obxectivo é propiciar o intercambio de información entre os asistentes e o establecemento de potenciais oportunidades de colaboración con outros actores clave do sector para futuros proxectos ou outras iniciativas.



O proxecto europeo GEroNIMO (www.geronimo-h2020.eu) busca achegar ferramentas innovadoras baseadas no xenoma e o epigenoma coas que os criadores poidan optimizar os métodos de selección de animais, mellorando a súa saúde e benestar e preservando a diversidade xenética, á vez que se fai un uso máis eficiente dos recursos. Financiado polo programa Horizonte 2020, GEroNIMO arrincou en 2021 e conta coa participación de 21 socios de 12 países, entre os que se atopa FEUGA.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *