A conselleira do Medio Rural aposta pola innovación para reforzar o sector vitivinícola galego

María José Gómez destaca en Ourense a importancia da investigación, a dixitalización e a sustentabilidade na produción de viño

A Conselleira de Medio Rural participou esta mañá na apertura do encontro anual da Plataforma Tecnolóxica do Viño en Ourense.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou esta mañá na apertura do encontro anual da Plataforma Tecnolóxica do Viño, celebrado no Liceo de Ourense. Estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte. Durante o acto, salientou a importancia da innovación para impulsar o sector vitivinícola galego.

Segundo Gómez, “é fundamental que traballemos xuntos” para avanzar en investigación, innovación e sustentabilidade na produción de viño. Nese sentido, alentou á colaboración entre investigadores, produtores, adegueiros e entidades públicas para reforzar o papel de Galicia como referente neste eido.

A conselleira referiuse ao traballo da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, integrada na Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Esta institución lidera proxectos vencellados á resistencia das variedades de uva ás enfermidades, á mellora das técnicas de cultivo e á xestión eficiente da auga. Gómez puxo en valor este labor, especialmente ante os retos derivados do cambio climático.

Tamén sinalou a necesidade de aplicar innovación nos procesos de produción e na dixitalización das adegas. Ademais, subliñou a importancia de investigar en novas tecnoloxías de fermentación, control da calidade e rastrexabilidade para manter a competitividade no mercado global.

Gómez indicou que, coa colaboración dos distintos actores do sector e co apoio de entidades como a Plataforma Tecnolóxica do Viño, é posible transformar os desafíos en oportunidades. Así mesmo, destacou que o Goberno galego mantén unha relación fluída co sector baseada no diálogo, o intercambio de iniciativas e as axudas.

O sector vitivinícola ten un peso destacado na economía galega. Conta con cinco denominacións de orixe e máis de 10.000 viticultores e 500 industrias, xerando un valor económico superior aos 350 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *