Novo sistema para a destilación do augardente: o arrastre de vapor, alternativa ó alambique

A destilería de Adegas Moure incorporou o sistema de destilación de arrastre de vapor, coñecido tamén como sistema portugués e elabora con el catro dos cinco destilados

Adegas Moure incorporou o sistema de destilación de arrastre de vapor, coñecido tamén como sistema portugués e elabora catro dos cinco destilados amparados por este selo europeo de calidade: Bagazo de Galicia, Bagazo de Galicia Envellecido, Licor de Herbas de Galicia e Licor de Café de Galicia.

Así o deron a coñecer a presidenta do Consello Regulador, Sonia Otero, e o xerente de Adegas Moure e presidente do Consello entre 2008 e 2012, Evaristo Rodríguez, durante unha xornada didáctica sobre a destilación a través do sistema de arrastre de vapor celebrada nas instalacións desta adega en Lugo. Evaristo Rodríguez explicou que o sistema de destilación de arrastre de vapor “conta cunha caldeira que xera vapor e inxéctao dende a zona inferior ás columnas onde está a augardente. A diferenza do alambique, é un sistema de lume indirecto xa que a calor se aplica a través do vapor de auga, non directamente a través do lume”.

Entre as vantaxes que ofrece este procedemento de elaboración, “que está implantado nas empresas galegas é que facilita o traballo de enchido e baleirado, esixe unha menor carga física, reduce o número de horas de traballo, é máis rápido e non hai diferenza de calidade no produto final”, destaca Sonia Otero.

A destilación é unha arte que require de coñecementos e experiencia porque para a elaboración dos Augardentes e Licores Tradicionais refúganse as cabezas, o principio da destilación que ten maior gradación alcohólica, e tamén as colas, que teñen pouca gradación. Só se aproveita o que se chama “o corazón”. Unha separación de cabezas, corazón e colas que se realiza para mellorar a calidade do produto final. Gota a gota obtense un produto dunha máxima calidade que cada ano consegue recoñecemento nos máis prestixiosos concursos internacionais.

A presidenta do Consello Regulador destaca que “en Galicia temos unha cultura da destilación moi arraigada. Somos o espírito de todo o sector vitícola”

Ademais, Evaristo Rodríguez engade ás vantaxes da destilación de arrastre de vapor que “é un sistema de produción máis regular e sistemático, pois permíteche controlar todo ese proceso de separación de cabezas e colas. O alambique depende máis de quen o manexe, mentres que o arrastre de vapor permite un maior control sobre o produto”. Así o mostraron durante a destilación dun augardente plurivarietal con variedades autóctonas galegas como Sousón, Caíño, Mencía, Albariño, Teixadura e Godello.

A presidenta do Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia puxo en valor que “en Galicia temos unha cultura da destilación moi arraigada. Somos o espírito de todo o sector vitícola de Galicia”, destacando “as achegas de todas as variedades autóctonas de Galicia pois cada variedade ten o seu propio perfil aromático”.

O Consello Regulador

Esta adega é unha das empresas fundadoras do Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e que forma parte da historia viva dos augardentes e licores tradicionais de Galicia.

Na actualidade, este organismo integra ao redor de 150 empresas rexistradas nos seus diferentes rexistros (produtores, destiladores, elaboradores e envasadores, e comercializadores). Son preto dun centenar as marcas que se atopan no mercado e que levan a contraetiqueta do Consello Regulador, que é a única que ofrece todas as garantías de que o destilado é 100 % galego e que cumpre cuns esixentes controis de calidade.

Esta entidade certificou un total de 503.529 botellas destes destilados en 2025, que se repartiron en 213.250 botellas de Licor Café de Galicia, produto estrela; 173.880 de Licor de Herbas de Galicia; 92.365 de Bagazo de Galicia; 23.574 de Augardente de Herbas de Galicia, e 460 de Bagazo de Galicia Envellecido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *