O proxecto Oper8 identifica 87 solucións viables e con impacto ambiental positivo para a viticultura e outros sistemas agrícolas
O consorcio no que participa a EPS de Enxeñaría da USC desenvolveu un proceso participativo no que se recolleron experiencias reais e se organizaron encontros cos axentes do sector para abordar, entre outros aspectos, a xestión da maleza

As Bodegas Regina Viarum acolleron unha xornada demostrativa organizada polo grupo de investigación en Sistemas agroforestais e agroecolóxicos AGROFORECOL da USC
Coa intención de lograr un alto impacto e mellorar a sustentabilidade do sector agrícola europeo, o proxecto Oper8, do que forma parte a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC, reúne oito grupos operativos de sete países das áreas mediterránea, atlántica e nórdica para definir solucións viables e con impacto ambiental positivo no control das malas herbas e de potencial aplicación na viticultura e outros sistemas agrícolas. Deste xeito, asegúrase unha representación equilibrada de diferentes sistemas de produción. Agora, este consorcio centrado nos problemas que identifican os grupos operativos involucrados —cos seus respectivos enfoques e desafíos— acaba de trazar un total de 87 ‘best solutions’, ou o que é o mesmo, preto dun cento de mellores solucións no seu eido de actuación, obtidas a través dun proceso participativo no que se recolleron experiencias reais en encontros cos axentes do sector.
“Estas solucións foron seleccionadas a través dun proceso no que se avaliaron colectivamente aquelas prácticas con maior potencial de reprodución, impacto ambiental positivo e viabilidade técnica e económica”, explican dende a EPSE. Como parte do esforzo de diseminación, o proxecto produciu xa 100 Practice Abstracts (resumos prácticos) e 83 Fact Sheets (fichas técnicas), dispoñibles en varios idiomas para facilitar a súa adopción por parte de profesionais da agricultura, asesoría e responsables políticos. Estes materiais ofrecen descricións concisas, visuais e orientadas á acción sobre innovacións en xestión de especies arvenses nas distintas rexións participantes. Ademais, Oper8 está a desenvolver máis de 50 vídeos ilustrativos, gravados nas diferentes redes nacionais, e un módulo de e-aprendizaxe multilingüe que se integrará na plataforma formativa do proxecto. Estes recursos permitirán ampliar o impacto dos resultados, promovendo o acceso aberto ao coñecemento práctico.
Control da maleza
A EPSE traballa no desenvolvemento de técnicas e mecanismo para avanzar no control sustentable das malas herbas en cultivos no marco deste proxecto Horizon, un programa coordinado pola Universidade de Agricultura de Atenas e financiado pola Comisión Europea con 1.615.000 euros, a través do que se artellou unha rede continental que permita a erradicación ou, cando menos, o control da maleza de xeito sustentable e respectuoso co medio ambiente. Os distintos grupos de traballo fusionan as súas respectivas achegas para o control sustentable da devandita maleza nunha proposta colectiva.
As alternativas baralladas ao uso de herbicidas para frear a propagación de maleza e malas herbas en áreas de cultivo son diversas, e abarcan dende a robotización dos procesos, a rotación dos cultivos e o emprego de aceites esenciais naturais como tres posibilidades que se antollan efectivas para a eliminación deste tipo de maleza. A extracción por procesos mecánicos das malas herbas logo da recollida da colleita, as prácticas de rotación de cultivos nunha mesma superficie territorial ou o emprego de aceites naturais son, a xuízo do equipo investigador, prácticas xa testadas e que teñen unha eficacia probada á hora de diminuír ou eliminar a maleza.
Xornada demostrativa
As Bodegas Regina Viarum acolleron unha xornada demostrativa organizada polo grupo de investigación en Sistemas agroforestais e agroecolóxicos AGROFORECOL da USC, na que se puxeron en común innovacións para a xestión sustentable do solo en viñedos. O evento contou coa participación de 50 asistentes e serviu de escaparate para os resultados do proxecto europeo Oper8, centrado na mellora da xestión das especies arvenses (malas herbas) mediante solucións prácticas e sostibles.
O evento contou coa presenza institucional do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte Vidal; o presidente do Consello Regulador da Ribeira Sacra, Antonio Lombardía Crespo; e o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, quen destacaron a importancia de conectar a investigación co territorio e coas necesidades reais do sector vitivinícola.