A sustentabilidade ambiental no agro centra os proxectos de innovación dos próximos anos

FEUGA conseguiu captar máis de 5 millóns de euros para un total de 9 iniciativas investigadoras

Imaxe de arquivo do evento Va de Agro, celebrado en 2022. Cedida

Imaxe de arquivo do evento Va de Agro, celebrado en 2022. Cedida


Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) lidera a captación de fondos da convocatoria de grupos operativos supraautonómicos, promovida polo Ministerio de Agricultura. FEUGA conseguiu captar máis de 5 millóns de euros e participa no 14 % dos proxectos aprobados, consolidando así o seu compromiso coa I+D+i nos sectores agroalimentario e forestal.

Os proxectos financiados inclúen diversas innovacións enfocadas en mellorar a produtividade e sustentabilidade nos sectores agroalimentario e forestal e destacan polo seu carácter colaborativo e multidisciplinario. De nove, cinco contan coa participación de universidades galegas.

Os proxectos

Optimización do uso da auga nos viñedos
O Grupo Operativo PRERIVID traballa nunha avanzada ferramenta de rega de precisión. Esta tecnoloxía utilizará datos do viñedo, do chan e das condicións meteorolóxicas para prever as necesidades hídricas e mellorar a eficiencia da rega. O proxecto, impulsado por FEUGA, Monet, Quinta Couselo, Quinta Sardonia e Bodegas Enguera, e liderado pola USC, CSIC-CIDE e ICVV-CSIC, levará a cabo en distintas rexións con climas diversos para fomentar a sustentabilidade e a competitividade no sector vitivinícola.

Mellora dos chans e sustentabilidade agrícola
O Grupo Operativo Ash4Soil busca mellorar a calidade de chans acedos e aumentar a produtividade agrícola e forestal mediante un enmendante-fertilizante elaborado a partir de cinzas de queimas forestais e xurros gandeiros. O proxecto está liderado polo Grupo de Sistemas Silvopastores da Universidade de Santiago de Compostela e está impulsado por FEUGA, Biomass Power Curtis Teixeiro, SELGA (Compañía Galega de Silvicultores), entre outros.

Modernización do sector avícola
O Grupo Operativo SIMBAV busca mellorar a competitividade do sector avícola mediante a dixitalización e economía circular, optimizando recursos, reducindo consumo de enerxía e auga e reutilizando biorresiduos. Liderado polo Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) da Universidade de Vigo, conta coa participación de FEUGA, EnergyLab, Demaux e outras entidades de Galicia, Castela e León e Murcia.

Sustentabilidade no sector lácteo
O Grupo Operativo CLIMALACT está a desenvolver unha marca de sustentabilidade e neutralidade climática para o sector lácteo en Galicia e Asturias. Este proxecto, liderado pola Universidade de Santiago de Compostela, busca mellorar as prácticas tanto nas granxas, como no sistema produtivo e no resto da cadea de valor mediante análises conxuntas, aliñándose cos obxectivos do Pacto Verde da UE. Participan entidades como FEUGA, Campoastur e CAPSA.

Optimización da olivicultura
O Grupo Operativo OLIVITECH céntrase no desenvolvemento dun sistema de alertas para a prevención de enfermidades nas oliveiras. Mediante o uso de sensores e modelos integrados con datos meteorolóxicos, o proxecto pretende reducir o uso de funxicidas e promover unha olivicultura máis sustentable. FEUGA, Monet, Aceites Abril e outras organizacións de Galicia e Andalucía lideran esta iniciativa, mentres que o desenvolvemento do proxecto está a cargo da Universidade de Vigo e a Universidade de Córdoba.

Implementación de cultivos de cobertura na produción de cítricos
O Grupo Operativo MAXI-CoberLEG traballa na selección de leguminosas de inverno e ao manexo de cultivos co obxectivo de mellorar a estrutura do chan, a retención de auga e de nutrintes e controlar pragas en Galicia, a Rexión de Murcia, Cataluña e a Comunidade Valenciana. Este proxecto conta coa participación de FEUGA, a Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), o Centro de Edafoloxía e Bioloxía Aplicada do Segura (CSIC-CEBAS) e a Cooperativa Agrícola de Pego (COOPEGO), entre outros.

Estratexias sustentables do viñedo á adega
O Grupo Operativo UBAVIDA busca estratexias sustentables para producir uvas de baixa concentración de azucres e viños desalcoholizados en varias rexións españolas. O proxecto conta coa participación de Bodegas Paco & Lola e coa colaboración da Plataforma Tecnolóxica do Viño (PTV) e da Federación Española do Viño (FEV), entre outros.

Desenvolvemento de plantas forestais e xestión sustentable dos bosques
O Grupo Operativo PLANFORLAB pretende establecer unha rede de bosques laboratorio que permita desenvolver e mellorar plantas forestais, así como xestionar de maneira sustentable os bosques de coníferas en Galicia, Castela e León, País Vasco e Madrid. O obxectivo é aumentar a resiliencia dos bosques ante enfermidades e o cambio climático. O proxecto está impulsado por FEUGA, Tragsa, Asociación Forestal de Galicia (AFG) e outras entidades.

Desenvolvemento de pre e probióticos para a alimentación animal
O Grupo Operativo OLIVEBIOME traballa no desenvolvemento de pre e probióticos para a alimentación animal usando fibra de alperuxo e subproductos hortícolas. O proxecto, que abarca varias rexións de España, busca innovar na xestión destes subprodutos para mellorar a microbiota intestinal de animais de granxa, e está impulsado por Lucta, Maslina International Trade, FEUGA e outros.

Os grupos operativos son esenciais para a execución dos programas de desenvolvemento da PAC, impulsando a cooperación e proxectos innovadores. Cofinanciados ao 80 % pola UE a través do FEADER e ao 20 % por fondos nacionais, están formados por agricultores, gandeiros, empresas, centros de investigación e entidades educativas. O seu obxectivo é abordar desafíos específicos nos sectores rurais, mediante solucións conxuntas e multisectoriais.

Comments are closed.