A Universidade de Vigo colabora nun proxecto europeo para restaurar solos agrícolas degradados

A institución galega participa no proxecto LivingSoiLL para combater a degradación do solo en cultivos permanentes e financiado con 12 millóns de euros

Contribuirá a un novo paradigma de xestión do chan que o protexa da degradación pola intensificación das prácticas agrícolas. / UVigo.

Con máis de 50 institucións de seis países implicadas e un orzamento de 12 millóns de euros, este verán deu comezo o proxecto LivingSoiLL (Healthy Soil to Permanent Crops Living Labs), financiado pola Misión Suelo de Horizonte Europa e no que a Universidade de Vigo actúa como socia.

O proxecto, coordinado pola Universidade de Tràs-os-Montes e Alto Douro (UTAD), busca establecer un novo paradigma de xestión do solo para frear a degradación provocada polas prácticas agrícolas intensivas. Xunto coa UVigo, participan organismos de España, Portugal, Francia, Italia, Polonia e Bélxica.

En España, ademais da UVigo, o consorcio está integrado por institucións e empresas como a Universidad de Jaén, o Instituto Andaluz de Investigación e Formación (Ifapa) e varias empresas e asociacións, entre elas Grupo Consule, Adegas Moure, Bodegas Terras Gauda e Nutesca, INFAOliva, as cooperativas JaenCoop e Agro-Alimentaria de Andalucía, ademais de fundacións como a Caja Rural de Jaén e Centro de Innovación Citoliva. A Deputación de Jaén e a Junta de Andalucía colaboran como entidades asociadas.

O proxecto ten previsto un desenvolvemento de 54 meses, ata decembro de 2028. O equipo da UVigo está liderado polo catedrático José Jorge Domínguez Martín, do grupo de Ecoloxía Animal (GEA) do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo).

A universidade participa cunha achega de máis de 500.000 euros e desenvolverá un traballo colaborativo centrado na co-creación, co-implementación e co-ensaio de solucións que melloren a saúde do solo en cultivos leñosos. O proxecto implica a participación de máis de 2000 axentes de toda Europa.

Segundo o catedrático Domínguez, LivingSoiLL “xurde da necesidade de salvagardar uns solos sans para as xeracións futuras e combater a degradación do chan”. A protección do solo é un dos piares do Pacto Verde Europeo e a súa conservación é un dos obxectivos centrais da Misión Suelo.

Neste contexto, Domínguez destaca que a participación da UVigo supón “unha oportunidade única que ten o potencial de xerar un impacto significativo neste eido e que contribuirá a unha produción de alimentos máis sostible, á regulación da auga e do clima e á conservación da biodiversidade”.

 

Cinco laboratorios vivos para a saúde do solo

O proxecto LivingSoiLL comprende a creación de cinco laboratorios vivos ou “living labs” en diferentes países: Portugal, España, Francia, Italia e Polonia. Estes laboratorios centran o seu traballo en cultivos permanentes, como viñas, oliveiras, castiñeiros, abeleiras e maceiras, e traballarán en 50 emprazamentos experimentais e 10 fincas faro ou lighthouses, onde se desenvolverán e aplicarán estratexias innovadoras para conservar e mellorar a saúde do solo.

A UVigo participa no living lab luso-galego, que celebrou a pasada semana súa xuntanza inicial na UTAD. Neste living lab tamén está implicada a Universidade de Porto e, como subliña Domínguez, “prestixiosas adegas portuguesas”. Os socios galegos son, ademais da UVigo, Adegas Moure, da DO Ribeira Sacra e Terras Gauda, da DO Rías Baixas.

Ademais, a UVigo coordina tarefas transversais dentro do proxecto. Entre estas responsabilidades está o deseño de experimentos para medir a mellora da saúde do solo e a creación de estratexias colaborativas de coñecemento para o consorcio.

O equipo da UVigo, liderado por Domínguez, conta coa participación de investigadores posdoutorais como Inés Alonso Crespo e Hugo Martínez Cordeiro, docentes como Manuel Aira Vieira e María Gómez Brandón, e investigadoras predoutorais como Alejandro Figueroa e Ainhoa Doval. O equipo complétase co director técnico do laboratorio Alberto Da Silva Sieiro, todos eles membros do grupo GEA.

Comments are closed.