A USC lidera un sistema para converter xurros en biofertilizantes sostibles
A dixestión anaerobia e a economía circular son claves para reducir o impacto ambiental e os custos

Dous investigadores do proxecto realizando un traballo de campo. / Imaxe da USC.
A Escola Politécnica Superior de Lugo está a desenvolver un sistema innovador que transforma xurros e residuos agroindustriais en biofertilizantes de alta calidade. O proxecto está integrado dentro dun modelo de economía circular e baséase en dous programas principais: AGROMANURE e AGRORES.
Estes proxectos céntranse na valorización de xurros gandeiros e residuos agroalimentarios, reducindo o seu impacto directo en solos, augas e na emisión de gases de efecto invernadoiro. Segundo os datos, a estratexia permite recuperar ata o 92% dos nutrientes dos xurros para seren reutilizados como fertilizantes.
O modelo financeiro desenvolvido tamén ofrece resultados prometedores, con valores de VAN positivos e taxas de rendibilidade consideradas aceptables polos investigadores.
Ambos proxectos están financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación e forman parte dun consorcio liderado pola Universidade de Santiago de Compostela. Nel participan entidades como SOLOGAS, Fundación INFIAR, AIRA, AGACA, INTACTA, MILLO E LANDRAS e o IRNAS-CSIC.
Pola parte da USC, colaboran os grupos UXAFORES, Química Analítica, Sistema de Información Territorial e o Departamento de Economía Financeira e Contabilidade.
Como aspecto diferenciador, os investigadores subliñan que o sistema integra a produción, certificación e aplicación optimizada dos biofertilizantes. Ademais, conta cun forte respaldo científico e ferramentas dixitais innovadoras.
Destaca o desenvolvemento dun Sistema de Apoio a Decisións Espaciais (SDSS), unha plataforma pioneira en Europa que integra datos loxísticos, agronómicos e legais. Grazas aos seus algoritmos, redúcense en máis dun 23% os quilómetros de transporte, o que supón importantes aforros en combustible.
O sistema baséase na dixestión anaerobia, o que permite unha produción máis ecolóxica e eficiente. Os biofertilizantes resultantes conteñen un 35% máis de carbono e deixan un 30% menos de pegada ambiental.
Os ensaios en parcelas demostraron que o fósforo dispoñible aumentou ata un 40%. Ademais, a súa aplicación intelixente permitiu reducir un 22% as emisións de gases de efecto invernadoiro e amoníaco fronte aos métodos tradicionais.
O proxecto prolongarase ata o 2028. “Ata entón, está previsto optimizar as condicións da planta piloto de dixestión e as características e homologación dos biofertilizantes para poder escalar a nivel industrial no futuro”, explica o investigador Agustín Merino.
Para conseguilo, engade: “Será imprescindible establecer alianzas público-privadas que potencien o modelo de economía circular como o proposto para afrontar os retos ambientais e económicos do sector agroganadeiro”.