As empresas do sector agrogandeiro poderán testar e validar solucións tecnolóxicas grazas á rede AgrifoodTEF

AgrifoodTEF falicita a mellora de servizos e contornas reais de proba de forma gratuíta e, ademais dos servizos predefinidos, adáptanse os mesmos a medida que os usuarios identifican novas necesidades


AgrifoodTEF (Testing and Experimentation Facilities) defínese como unha rede de infraestruturas de proba e validación en Europa en contornas reais, físicas e dixitais, que apoia ás empresas agrotech. Está deseñada para o desenvolvemento de tecnoloxías, produtos e servizos, co obxectivo de mellorar a dixitalización do sector, potenciando así a industria e poñendo o foco na innovación gracias á intelixencia artificial e á robótica.

A proposta lanzouse oficialmente o 1 de febreiro de 2023 e prolongarase ata xaneiro de 2028. Está composta por algúns dos principais actores europeos, nodos nacionais que teñen a súa sede en Italia, Alemaña, Francia, Polonia, Bélxica, Suecia, Austria, España e Países Baixos. Cada nodo ofrece os seus servizos no seu país ou de forma remota a empresas de toda Europa.

No caso español, participan entidades de tres áreas diferentes: as ligadas á Universidade de Córdoba, as da Universidade de Lleida e as galegas, onde contribúen a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) co seu Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), o centro tecnolóxico Gradiant e o Hub de Innovación Dixital DATAlife. Cun presuposto total de 60 millóns de euros, cinco corresponden a España e, deles, 1,5 millóns de euros son os que se destinaron a Galicia.

O proxecto a nivel europeo comezou en xaneiro de 2023, pero España incorporouse a inicios do 2024, un ano despois do inicio do proxecto. É por isto que tiveron que acelerar o paso para estar ao día das novidades de agrifoodTEF: “Podemos dicir que xa estamos ao mesmo nivel que o resto de socios europeos”, explica Vanesa Fernández, de Gradiant.

25 servizos TEF en catálogo e máis de 200 a nivel europeoÇ

Gradiant, como socio do proxecto, céntrase en intelixencia artificial, en vehículos autónomos (aéreos ou terrestres) e noutras tecnoloxías dixitais e de comunicacións necesarias para fomentar o uso de recursos innovadores no eido agroalimentario. Para agrifoodTEF, Gradiant achega coñecemento tecnolóxico profundo e, ademais, o coñecemento das necesidades das empresas coas que traballan día a día.

O sector agroalimentario español necesita duns provedores de tecnoloxías dixitais de primeira liña

Nestes momentos, dispoñen de 25 servizos “TEF” en catálogo para ofertar ás empresas, un número que supera os 70 servizos se se consideran o resto dos parceiros a nivel nacional e que superan os 200 a nivel de todo o proxecto. “Actualmente, queremos que as empresas destinatarias destes servizos, que son moitas, coñezan o que podemos facer por eles nos próximos tres anos. Cando o proxecto remate esperamos contar cunhas 15 empresas beneficiadas por servizos TEF”, aclara Fernández.

Beneficios para o sector

AgrifoodTEF é un referente europeo na aposta pola transformación dixital do sector agroalimentario, onde a importancia da actividade agropecuaria, tanto a nivel económico como social en áreas como Galicia ou España, é innegable. “O sector agroalimentario español necesita duns provedores de tecnoloxías dixitais de primeira liña que lle permitan innovar en procesos e operativa, aforrar custos, xerar valor engadido á súa produción… en definitiva, avanzar en competitividade e sustentabilidade nun contexto mundial con moita presión e marxes económicos reducidos”, subliña.

A actividade de agrifoodTEF en España quere dar un pulo ao tecido industrial da agrotecnoloxía, o que redundará no sector agroalimentario en xeral. Por iso, o beneficio más directo será para as empresas do eido “agrotech” e “foodtech”, que atopan en agrifoodTEF un socio que lles facilita a maduración e mellora dos seus produtos mediante servizos profesionais e contornas reais de proba e validación. Ademais, hai que ter en conta algo moi importante: as PEMEs non terán que pagar por estes servizos, posto que son gratuítos.

Por outra banda, de xeito indirecto, todo o sector agroalimentario galego e nacional verase beneficiado, xa que poderán avanzar na modernización e transformación dixital das súas explotacións e procesos de produción. Todo isto, grazas a unha oferta máis competitiva e capaz de aumentar eficiencias, rendibilidade e sustentabilidade por parte dos seus fornecedores “agrotech”.

O proxecto agrifoodTEF é flexible ante as demandas do mercado e está aberto a ofertar novos servizos “TEF” que xurdan de necesidades particulares das empresas

Pola parte da entidade, segundo resalta Fernández, este proxecto “é un exemplo máis de como en Gradiant poñemos o noso coñecemento tecnolóxico, o noso equipamento e o nos equipo de profesionais expertos ao servizo da mellora da competitividade das empresas, neste caso das “agrotech””, describe. Engade que levan xa moitos anos traballando en facilitar e acelerar a transformación dixital do sector primario en colaboración con administracións públicas, produtores e cooperativas, e empresas a nivel galego, nacional e europeo. “Esta transformación ten que ser intelixente, útil e axeitada á realidade das nosas explotacións, que é unha realidade heteroxénea pero con grandes potenciais de mellora”, destaca.

Importancia da Intelixencia Artificial

Algúns exemplos dos servizos ofertados desde Gradiant teñen que ver con apoio ao adestramento de modelos de IA, aprendizaxe máquina sobre todo tipo de datos (incluídos imaxe e vídeo), preparación de escenarios de probas de modelos, execución de probas, medidas da calidade dos datos dispoñibles, provisión de conectividade 5G, provisión de vehículos autónomos aéreos ou terrestres para diversas probas…

As demais entidades do proxecto ofertan outros servizos complementarios e o acceso a infraestruturas como campos de cultivo, granxas e gando para probas e validación.

“Todos estes servizos están pensados para que unha empresa cun produto ou servizo “agrotech” poida poñelo a proba ou melloralo e, polo tanto, poder sacalo ao mercado cun mellor rendemento”, explica. Ademais, aclara que “agrifoodTEF é flexible ante as demandas do mercado”, polo que están dispostos a ofertar novos servizos a medida que xurdan de necesidades particulares de empresas.

O CIAM pon a disposición das empresas as infraestruturas e o coñecemento necesario para testar e validar solucións tecnolóxicas para o campo

Fernández detalla que a correcta aplicación de tecnoloxías IA no eido agrario achega múltiples beneficios a nivel de rendibilidade e de sustentabilidade medioambiental. “Calquera explotación agrícola ou gandeira mellora as súas perspectivas de negocio e os niveis de cumprimento técnico-legal e medioambiental, co emprego de datos e de ferramentas que traduzan eses datos en mellores decisións de xestión”.

En canto aos riscos, afirma que existen perigos, actuais e futuros, vinculados á aplicación da IA, “pero estes veñen máis asociados a sistemas de IA de propósito xeral ou vinculados a ferramentas que empregan modelos de linguaxe (como ChatGPT)”. Fernández indica que, particularmente no eido agroalimentario, a IA que se emprega é máis ben para tarefas específicas onde eses riscos non teñen cabida, polo tanto, só se ven beneficios potenciais para as explotacións, o medio rural e o medio ambiente.

Achega do CIAM

Unha das instalacións de referencia en Galicia que está a disposición dos que participen nesta iniciativa é o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Achega ao proxecto, principalmente, o seu coñecemento en produción láctea. Tratarán de ver como, por medio da utilización de técnicas de alimentación de precisión do gando, poden mitigarse os gases de efecto invernadoiro.

“As políticas europeas están poñendo o foco na sostibilidade ambiental das granxas, polo que temos que estar preparados para adaptarnos rápidamente, xerando coñecemento e transfiríndoo aos produtores”, comenta Abelardo Nimo, director do CIAM.

Dispoñen dunha finca de 320 hectáreas con gando bovino e ovino, de carne e de leite, e un espazo onde fan muxido. Tamén están inmersos nun proxecto para utilizar esas tecnoloxías co obxectivo de reducir os gases de efecto invernadoiro que emite o gando. A maiores, dispoñen dun histórico de datos de análises reais que están a disposición de todos os interesados. “No CIAM temos os resultados das análises de miles de mostras de leite e de forraxes. As poñemos a disposición das empresas desenvolvedoras de solucións tecnolóxicas para, por exemplo, adestrar os seus modelos de intelixencia artificial”.

Outro servicio ofrecido na finca do CIAM en colaboración con Gradiant, é a posibilidade de empregar redes de comunicacións avanzadas para testear robots aplicados á agricultura.

DATAlife para impulsar a colaboración

DATAlife é o Hub de Innovación Dixital Europeo (EDIH) para as Ciencias da Vida de Galicia. A súa principal misión é acelerar a transformación dixital das entidades que se atopan dentro dos seus sectores estratéxicos. Nesta ocasión, impulsa a colaboración entre empresas e sectores para acelerar a adopción de tecnoloxías disruptivas, entre as que están, por exemplo, a IA ou as comunicacións avanzadas, por mencionar tan só dúas.

A través do proxecto, tratará de fomentar que as solucións testeadas alcancen mercados europeos e dará a coñecer o proxecto agrifoodTEF a outros EDIHs dedicados ao sector agroalimentario, proporcionando unha conexión entre dúas iniciativas crave do programa Dixital Europe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *