Avances na elaboración de produtos cosméticos a partir de sementes de camelia
O proxecto de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Mosteiro da Armenteira estuda novos produtos de cosmética elaborados con aceite extraído de sementes de camelias cultivadas na provincia
Os estudos sobre novos produtos de cosmética elaborados con aceite extraído de sementes de camelias cultivadas na provincia de Pontevedra avanzan con bo ritmo. Esta semana celebrouse unha comisión de seguimento entre o deputado delegado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, e a comunidade do Mosteiro da Armenteira de Meis. O encontro mantido hoxe serviu para estudar a evolución deste proxecto, con vixencia ata 2025, durante esta anualidade.
A finalidade do proxecto é determinar a rendibilidade das plantacións de camelia e das súas sementes en Galicia. Tamén se avalía a calidade do seu aceite, extraído por prensado en frío, para o seu uso cosmético, concretamente para a elaboración de produtos naturais como xabóns, aceite puro cosmético, bálsamos labiais ou cremas corporais. Dende a administración provincial buscan concretar a produción de sementes por planta e o tempo que cada unha tardaría en chegar á súa máxima produción.
O traballo conxunto da Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, e a comunidade do Mosterio da Armenteira, abre novas posibilidades de aproveitamento do medio rural da provincia. A comunidade encóntrase rexistrada en Actividades Económicas, concretamente no epígrafe de fabricación de xabón e produtos de perfumaría, polo que se recoñece a calidade do aceite de camelia e os seus beneficios para o coidado da pel.