‘Bágoa Atlantic’, o chícharo galego que chega á alta cociña

O CSIC presentou esta nova variedade, desenvolta a partir dunha selección dun chícharo tradicional galego, que inicia a súa comercialización coa firma dun contrato de licenza de explotación entre o CSIC e as empresas El Calabacín Rojo e Restaurante Culler de Pau


A sede de Pontevedra da Misión Biolóxica de Galicia acolleu a presentación de ‘Bagoa Atlantic’, unha nova variedade de chícharo bágoa. Esta variedade naceu do traballo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no ámbito da I+D+i acerca dos cultivos de leguminosas, liña que desenvolve desde hai máis de tres décadas na MBG a través do grupo Bioloxía de Agrosistemas.

Desde abril de 2023, ‘Bagoa Atlantic’ está rexistrada na Oficina Española de Variedades Vexetais como variedade protexida e de dobre uso (seco e fresco). Xa está listo para a súa comercialización a través da firma dun contrato de licencia de explotación entre o CSIC e a empresa de agricultura ecolóxica Melide 16, titular de El Calabacín Rojo (Cerdedo, Pontevedra) e outro entre o CSIC e a empresa Culler Gastronomía, titular do Restaurante Culler de Pau (O Grove, Pontevedra).

Na presentación interveu o director da MBG, Rafael Zas Arregui; Antonio M. De Ron, profesor de investigación ad honorem do CSIC na MBG e xefe do grupo Bioloxía de Agrosistemas, Antonio Cavada, da empresa El Calabacín Rojo e Javier Oleiros, do restaurante Culler de Pau.

O grupo de investigación realizou ensaios de campo en parcelas experimentais da MBG con dúas variedades locais de chícharo de Ortigueira e Monfero (A Coruña), obtendo resultados positivos tanto en adaptación ás condicións climáticas como á produción, e probas de laboratorio en varios ciclos de selección. En 2013 o grupo obtivo ‘Bagoa Atlantic’, mediante selección individual dentro dunha variedade local de guisante de Monfero.

“É unha variedade de chícharo de medio enrame, con bo vigor temperán e gran rusticidade. Inicia a floración aos 130 días tras a sementeira de outono-inverno, mentres que a vaina inmatura para recolección aparece nunha media de 150 días. É unha variedade produtiva, que en cultivo experimental rende un 1000 kg/ha de gran inmaturo. O gran é de tamaño moi pequeno, inmaturo, con forma de ‘bágoa’. A súa calidade sensorial é excelente, considerándose como o “caviar vexetal””, explica De Ron.

Tras obter estes resultados, o grupo dirixiuse á Vicepresidencia Adxunta de Transferencia do Coñecemento do CSIC, desde onde iniciaron o proceso de protección e rexistro da variedade na Oficina Española de Variedades Vexetais (OEVV), procedemento chave pois unha variedade vexetal non se pode comercializar se non está rexistrada. “Tras anos de ensaios o 5 de abril de 2023 o Boletín Oficial do Estado publicou a Orde pola que se lle concede, a solicitude do CSIC, o título de obtención vexetal a Bagoa Atlantic, cunha protección ata o ano 2048. Iso implica que calquera uso desta variedade protexida debe contar co consentimento expreso do seu titular, neste caso do CSIC”, explican desde o CSIC.

“Os ‘chícharos bagoa’ que actualmente están no mercado, e nalgúns restaurantes, non son o resultado dun proceso de mellora xenética. Xeralmente, os produtores usan variedades comerciais de chícharo de mesa xa rexistrados hai moito tempo e cultivan o gran moi cedo, para que teña a forma desexada de bágoa”, engaden desde o CSIC.

A partir do rexistro a MBG iniciou un proceso de procura de acordos con empresas para asinar contratos de licenza de explotación, modalidade contractual que permite a terceiras partes explotar comercialmente a variedade protexida para que chegue ao mercado. O obxectivo principal é que as variedades melloradas froito de anos de investigación saian dos centros de investigación e cheguen ao mercado para que toda a sociedade se poida beneficiar delas e ao mesmo tempo contribúese ao mantemento da biodiversidade.

Comments are closed.