FEUGA presentará o vindeiro xoves seis proxectos innovadores para mellorar a saúde dos solos agrícolas e forestais
O evento realizarase en decembro e destacará por ofrecer iniciativas enfocadas na adaptación ao cambio climático, a mellora da produtividade e a preservación do chan, con relatorios e talleres sobre avances europeos
O 5 de decembro, FEUGA celebrará na súa sede de Santiago o evento de lanzamento de seis proxectos de innovación da AEI-Agri, financiados no marco do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027 e que se presentarán en dúas sesións diferentes.
SESIÓN A. Adaptación ao cambio climático de solos agrarios e forestais:
- GO CLIMALACT: Desenvolvemento de protocolos e indicadores de sustentabilidade da marca “CLIMALACT”.
- GO PRERIVID: Predición de necesidades hídricas do viñedo para un uso sostible da auga de rega.
- GO PLANFORLAB: Rede de bosques laboratorio con planta mellorada para aumentar a resiliencia e a produción nos montes de coníferas.
SESIÓN B. Aumento da produtividade e preservación de solos agrarios e forestais:
- GO OLIVITECH: Optimización da olivicultura mediante análise tecnolóxica e aerobiolóxica.
- GO Ash4Soil: Mellora produtiva de chans, cultivos agrícolas e plantacións forestais mediante un emendante obtido a partir da valorización de cinzas de biomasa.
- GO MAXI-coberLEG: Maximizar os beneficios dos cultivos de cobertura a través da selección de especies de Leguminosas de inverno e o manexo do cultivo.
Estes proxectos contan cunha subvención para a súa execución de máis de medio millón de euros que se enmarca na convocatoria 2023 do MAPA. Ademais, terán unha duración de 4 anos e sobresaen polo seu enfoque colaborativo e a súa natureza multidisciplinaria.
O evento forma parte da xornada “Chans Vivos”, organizada por FEUGA para conmemorar o Día Mundial do Chan. Ademais de presentar os grupos operativos, incluiranse relatorios, flashtalks, pósteres e talleres sobre os avances máis recentes de proxectos europeos. As persoas interesadas en asistir de forma online poderán inscribirse na seguinte ligazón.
Os Grupos Operativos participantes
O Grupo Operativo CLIMALACT, coordinado por FEUGA, busca desenvolver a marca CLIMALACT, enfocada na sustentabilidade e neutralidade climática na produción de leite de Asturias e Galicia. Para iso, analiza a granxa e a cadea de valor, coa colaboración de entidades como Campoastur, CAPSA, AGACA, Intereo e a USC.
Pola súa banda, PRERIVID desenvolve unha ferramenta para o uso sostible da auga de rega fronte ao cambio climático. Participan FEUGA, Monet Tecnoloxía e Innovación S.L., adegas como Quinta Couselo, Quinta Sardonia e Adegas Enguera. Tamén outras entidades como a USC, o CIDE ou a Universitat de València.
O Grupo Operativo PLANFORLAB traballa en mellorar os montes de coníferas mediante o desenvolvemento de plantas forestais melloradas, utilizando o concepto de bosque laboratorio para enfrontar pragas, enfermidades e cambio climático. Participan FEUGA, TRAGSA, COSE, entidades forestais de Galicia, Castela e León e o País Vasco, e centros de investigación como Lourizán e NEIKER, a FUNGE Uva ou o Instituto de Ciencias Forestais do INIA.
OLIVITECH, pola súa banda, desenvolve unha ferramenta para estimar o risco de infeccións por fungos no cultivo da oliva, promovendo un uso sostible dos produtos fitosanitarios. Colaboran entidades como FEUGA, Monet Tecnoloxía, Aceites Abril, Deoleo Global ou a UVigo, entre outras.
Ash4Soil busca mellorar a fertilidade de chans acedos e aumentar a produtividade agrícola e forestal mediante un material emendante-fertilizante denominado Ash4Soil obtido a partir de subprodutos forestais e gandeiros. Conta coa coordinación de FEUGA e a participación de Greenalia, Álvaro Rodríguez Eiras, ARESA, SELGA, entre outros.
Finalmente, Maxi_CoberLEG fomenta cultivos de cobertura como leguminosas anuais de inverno para mellorar a calidade e estrutura do chan, controlar maleza e pragas ou reter nutrientes, clave para cultivos como os cítricos fronte a desafíos climáticos e de sustentabilidade ambiental. Coordínano FEUGA e MBG-CSIC, co apoio doutros centros e empresas como Masía O Carmen S.L, o IVIA ou a Universidade de Valencia.