Galicia desenvolverá produtos alimentarios e cosméticos a partir de variedades de aveas negras
Un Grupo Operativo para recuperación e valorización do cultivo traballará ata finais de 2026 para validar o potenciar comercial e tecnolóxico das variedades tradicionais galegas
Durante os próximos tres anos, o Grupo Operativo para Recuperación e valorización de aveas negras autóctonas de Galicia traballará para validar o potencial comercial e tecnolóxico das variedades tradicionais de aveas negras galegas. Farao mediante a súa transformación en produtos de alto valor engadido, como fermentados, produtos de panadaría e produtos cosméticos. Aproveitarán que as aveas negras presentan un compoñente de alto valor funcional, como as avenatramidas e tocoferoles.
O Grupo Operativo está liderado polo grupo de Adaptación e Sustentabilidade de Cultivos da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), no que participan en calidade de socios a Fundación Juana de Vega, o restaurante Culler de Pau e Cosmética Muuhlloa. Ademais, como entidades colaboradoras están a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Tamén contan coa colaboración de Panadaría Dacuña e as universidades da Coruña e de Santiago de Compostela.
Campos de cultivo en Galicia
O equipo está testeando seis variedades de maior potencial en tres ambientes representativos de Galicia, segundo os estudos previos levados a cabo pola MBG e o CIAM. A partir daquelas que obteñan mellores características, desenvolveranse os produtos alimentarios e cosméticos, contando coa experiencia e coñecemento das empresas colaboradoras.
A produción da Avena strigosa ofrece vantaxes como unha gran tolerancia á seca pola súa gran rusticidade. É máis resistente ao cambio climático, adecuándose ás esixencias de sustentabilidade da Unión Europea. Tamén lle afectan menos as deficiencias no manexo agronómico e, aínda que o chan sexa pobre e ácido tampouco supón unha limitación para o seu crecemento. “O cultivo de variedades tradicionais favorece a biodiversidade, a soberanía alimentaria, a modernización da agricultura galega en base a premisas ambientais, que fomenta o coñecemento e a innovación do sector en Galicia”, destacan os promotores.