Iniciativa para recuperar o cultivo do liño galego
A cadea textil Adolfo Domínguez e a Xunta alíanse para impulsar esta iniciativa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou un protocolo de colaboración coa Fundación Adolfo Domínguez para poñer en marcha a Iniciativa Galega polo Liño, un proxecto que pretende recuperar o cultivo desta fibra en Galicia e desenvolver ao seu redor un ecosistema produtivo capaz de xerar actividade económica e emprego.
Durante o acto, celebrado no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, Rueda destacou que a iniciativa permitirá “revitalizar algo que tivemos durante miles de anos no noso rural”, recuperando un cultivo tradicional que chegou a ser unha referencia histórica dentro e fóra de Galicia.
A colaboración público-privada contará cun orzamento inicial superior aos 887.000 euros para promover a investigación, a recuperación de variedades autóctonas e a reintrodución progresiva do liño nas explotacións agrarias galegas. O obxectivo é impulsar unha nova actividade económica vinculada á produción desta materia prima, reducindo ademais a dependencia das importacións por parte da industria téxtil galega.
O presidente da Xunta puxo en valor tanto o potencial económico como a dimensión cultural do proxecto. Neste sentido, lembrou que o liño galego xa gozaba de prestixio na época romana e reivindicou a súa recuperación como un elemento da identidade e da tradición produtiva de Galicia.
Entre as actuacións previstas figuran a multiplicación de sementes, a caracterización agronómica e xenética das distintas variedades e a validación industrial da fibra en colaboración co sector téxtil. O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e os centros de formación da Consellería do Medio Rural en Guísamo, Sergude e Monforte habilitarán campos de ensaio para obter semente e facilitar posteriormente a extensión do cultivo en distintas comarcas galegas.
O centro de Guísamo leva traballando desde 2020 cunha pequena plantación experimental de liño destinada ao estudo de diferentes variedades, incluídas as autóctonas, co propósito de avaliar a súa adaptación e potencial produtivo.
A aposta pola sustentabilidade compleméntase con medidas para reducir os residuos téxtiles. Segundo datos da Xunta, cada galego xera arredor de 30 quilos anuais deste tipo de residuos e menos do 1 % se recicla. Para mellorar estas cifras, o Goberno galego impulsa campañas de sensibilización, promove a economía circular e executa actualmente as obras da que será a primeira planta pública de separación de residuos téxtiles de España, situada en Sogama, cun investimento superior aos 22 millóns de euros.
Na súa intervención, Rueda tamén agradeceu o compromiso ambiental da Adolfo Domínguez, pioneira na incorporación de materias primas ecolóxicas e no uso do liño como material de referencia para a confección de pezas de vestir.



