Investigadores da Universidade de Vigo proban con éxito o uso de plantas “trampa” para loitar contra as pragas de nematodos nas patacas
Avalían o impacto agronómico, ambiental e económico de substituír os nematicidas sintéticos por estratexias baseadas na natureza e indican que pode contribuír a duplicar a marxe de beneficios por hectárea dos cultivos aumentando a súa produción ata nun 21%
Un grupo de investigación multidisciplinar da Universidade de Vigo desenvolve o proxecto estatal ReNaturAgri, centrado na loita contra as pragas de nematodos nos cultivos de patacas. Nel avalían o impacto agronómico, ambiental e económico de substituír os nematicidas sintéticos por estratexias baseadas na natureza. Entre os resultados xa obtidos están que o uso dunha planta “trampa”, a Solanum sisymbriifolium, pode contribuír a duplicar a marxe de beneficios por hectárea dos cultivos aumentando a súa produción ata nun 21 %.
O proxecto Redución de insumos (fertilizantes e pesticidas) e incremento da biodiversidade do solo en cultivo de pataca. Estratexias naturais para a transición a unha agricultura máis resiliente e sostible (ReNaturAgri) ten un financiamento de 253.000 euros da convocatoria de Proxectos de Transición Ecolóxica e Transición Dixital, do Ministerio de Ciencia e Innovación, con fondos NextGenerationEU. Liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo por David Fernández Calviño e Manuel Arias, a proposta ten un marcado carácter multidisciplinar, xa que involucra coñecementos e especialistas de varias disciplinas, como a agronomía, a ciencia do solo, a ecoloxía microbiana e a economía ambiental, participando tamén Miguel Rodríguez, do Departamento de Economía Aplicada da UVigo, e Montserrat Díaz, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (CSIC). O proxecto conta ademais coa colaboración do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde.
En España dedícanse a el máis de 50.000 hectáreas á produción de patacase ten unha produción de máis de dous millóns de toneladas, sendo en moitas zonas o cultivo principal nas rotacións de cultivos. O sector, apuntan, afronta entre os seus retos avanzar cara unha produción de pataca máis resiliente e sostible. Neste contexto, no proxecto ReNaturAgri, que se prolongará ata 2025, están a avaliar estratexias baseadas na natureza para a redución de insumos sintéticos na produción de cultivos de pataca.
Esta avaliación abrangue diferentes eidos, analizando o impacto das técnicas propostas no cultivo da pataca, sobre o seu rendemento e calidade; no ecosistema e tamén nos custos e beneficios para os agricultores, a sociedade e o medio ambiente. “As novas estratexias deben ser economicamente viables para os agricultores e social e ambientalmente aceptables. Este enfoque é esencial xa que as solucións baseadas na natureza só se adoptarán se demostran beneficios claros tanto para os agricultores como para a sociedade”, afirma o equipo investigador.
Inclusión da planta trampa no ciclo de cultivos
A parte experimental do proxecto desenvólvese nunha parecela da Limia, zona destacada na produción de pataca, empregando concretamente a variedade de pataca Kennebec. Os sistemas baseados na natureza probados contra os nematodos (unha especie de verme microscópico) ao longo destes meses foron varios e subliñan que “a técnica de substituír os nematicidas sintéticos por plantas trampa (Solanum sisymbriifolium) diminúe de forma moi importante esta praga e favorece que se incremente a produción da pataca”. A citada trampa, detalla David Fernández, “é do mesmo xénero que a pataca, é unha solanácea, e cando se desenvolve os nematodos pensan que son patacas, porque emiten sinais químicos similares, saen dos quistes, van alimentarse, non teñen de que alimentarse e polo tanto morren”. No sistema probado, aplicando a rotación de cultivos, tras o ciclo da planta trampa e a morte de nematodos, esta entérrase no solo e, uns meses despois, no mesmo terreo plántase nel xa a pataca.
Se no sistema convencional utilizando nematicidas a marxe bruta por hectárea é de arredor de 2800 euros, empregando a planta trampa esta cifra ascende a 5700 euros. Ademais engaden que se dá un incremento de ata o 21% da produción de pataca. A isto habería que engadir os beneficios ambientais, aínda non calculados no proxecto. “Esta opción está demostrando ser moi eficiente”, apuntan os investigadores da UVigo.