Investigadores galegos desenvolven unha ferramenta dixital de analítica de solos en tempo real con tecnoloxía NIRS
O grupo operativo Nirs2Custom facilitará a avaliación dos solos para unha toma de decisións máis precisa de cara á aplicación de fertilizantes
O grupo operativo de innovación Nirs2Custom é un proxecto a través do que se desenvolveu unha ferramenta dixital de analítica de solos en tempo real con tecnoloxía NIRS conectada a IA, que facilitará a avaliación dos solos para unha toma de decisións o máis precisa posible de cara á aplicación de fertilizantes.
Este proxecto foi presentado durante o Demo Day nas instalacións de Cecoagro, en Begonte, unha das empresas pertences do Grupo Aresa. Esta entidade xunto ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), ás entidades tecnolóxicas Gradiant e Osigris, á cooperativa Cusoviame e á consultora Medrar Innovation Office, conseguiu dar un paso máis na dixitalización das explotacións agrogandeiras e na oferta de servizos aos seus clientes.
Desde o Grupo Aresa aseguran que “nun mundo cada vez máis enfocado á sustentabilidade, o proxecto Nirs2Custom emerxeu como un testemuño de como a tecnoloxía pode remodelar a paisaxe agrogandeira. A xestión de solos en Galicia sempre afrontou tempos prolongados para análises con custos elevados e decisións agronómicas baseadas en datos limitados. É aquí onde quixemos facer especial fincapé”.
O uso de intelixencia artificial no contexto deste proxecto demostrou que pode ser un investimento rendible
Grazas ao proxecto, os agricultores terán ao seu alcance non só datos, senón coñecemento, e procesado en tempo real, eliminando a dependencia exclusiva de técnicos e expertos, pero sen deixar de lado o seu asesoramento, neste caso incorporado xa nun caderno de campo personalizado, para realizar fertilizacións á carta, empoderándoos cunha ferramenta que combina unha sinxeleza de uso cunha gran sofisticación tecnolóxica.
“Se a sustentabilidade ambiental foi tradicionalmente percibida como un custo adicional, o uso de intelixencia artificial no contexto deste proxecto demostrounos que pode ser un investimento rendible. Reducir o uso de fertilizantes protexe a biodiversidade, ao tempo que tamén optimiza custos, un gran beneficio nun contexto económico cambiante”, engaden.
Con esta ferramenta, dispoñible tanto para o seu uso en escritorio como en dispositivos móbiles (Android e iOS), os agricultores terán a capacidade de xestionar as súas fincas cunha precisión antes impensable.
Este proxecto está enmarcado na convocatoria dos Grupos Operativos de Innovación do ano 2022 da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente de Medio Rural da Xunta de Galicia.