Nirs2Custom, o proxecto para analizar o solo en tempo real e abonar únicamente o necesario
O Grupo Aresa desenvolve, en colaboración co CIAM e coa cooperativa CUSOVIAME, un prototipo para a análise de nutrientes do chan que fará recomendacións personalizadas para a fertilización dos cultivos. Os datos quedarán rexistrados no Caderno Dixital da explotación
O abonado á carta comeza a ser unha realidade en Galicia. O Grupo Operativo Nirs2Custom, liderado por Aresa, traballa no deseño dun prototipo para a análise de nutrientes en campo equipado con tecnoloxía da espectroscopía de infravermello cercano (NIRS) capaz de analizar en tempo real a composición química do chan, para facer ao agricultor unha recomendación do tipo e cantidade de fertilizante necesario para optimizar a produción nesa finca.
Este sistema, acorde ao que a UE e o Real Decreto de Fertilización Sostible de Solos Agrícolas piden, ten múltiples vantaxes: evítase a contaminación medioambiental por exceso de abonado ao mesmo tempo que se logra un aforro económico sen sacrificar a produción.
“O que queremos é que o campo reciba o que realmente necesita en función das súas carencias e as necesidades nutricionais do cultivo, é dicir, que cada parcela reciba a cantidade xusta de abono, para que non haxa problemas de sobrefertilización ou contaminación. O programa darache a recomendación do NPK e o encalado máis recomendable para a finca e o dato tamén da materia orgánica, por se fai falta ou non aportar. O obxectivo é axustar mellor as doses”, explica Rubén De Castro, director do departamento técnico do Grupo Aresa.
O programa dará a recomendación de encalado, abono NPK e aporte de materia orgánica necesarios para un rendemento óptimo do cultivo nesa parcela
O proxecto, financiado con case 180.000 euros dos fondos Feader, arrincou a comezos de 2023, cunha duración de dous anos, e involucra tamén á cooperativa Cusoviame, que reúne a 500 ganderías de 11 concellos das provincias da Coruña e Lugo, ao centro tecnolóxico Gradiant, ao CIAM de Mabegondo e á empresa Osigris, especializada no desenvolvemento do Caderno Dixital.
“Levamos desde principios do ano 2023 traballando e xa temos o prototipo de aparato que toma as lecturas de solo. Agora quedaría a parte de toma de datos en campo para entrenar o sistema, agora mesmo estanse tomando mostras para calibrar e estamos tomando as máximas mostras posibles para reducir a marxe de erro, e o ano que vén será o momento de darlle forma a eses datos a través dunha ferramenta predictiva baseada en intelixencia artificial, que fará as recomendacións personalizadas de abonado. Agardamos ter lista a aplicación para cando entre en vigor o Caderno Dixital en setembro de 2024”, avanza Rubén.
Permite acurtar tempos
A toma de mostras e as analíticas de solo non eran moi habituais até o momento en Galicia, entre outros motivos debido ao seu custo e á tardanza en ter os resultados. “Até agora había que tomar mostras de terra e levalas a un laboratorio. Nós sempre nos apoiamos en centros de referencia públicos, como poden ser O Areeiro ou Mabegondo. Ese proceso de toma da mostra e envío ao laboratorio xa che leva 2 ou 3 días, aos que hai que engadir entre 7 e 10 días, dependendo dos parámetros que queiras analizar, para obter os resultados. Logo hai que estudar eses resultados e facer a recomendación ao agricultor en base a eles. Estamos falando de 2-3 semanas”, describe Rubén.
A nova normativa esixe cando menos unha análise de cada parcela cada 10 anos
Pero o novo método que están implementando reduce drasticamente eses tempos, algo esencial en plena campaña de sementeira ou abonado. “No mesmo momento en que fas a lectura do chan xa che dá a recomendación. Imaxínate que fose un abono 12-17-8, comunicaríase á fábrica e nun día en plena campaña xa o terías feito, polo que en 2-3 días desde a toma de datos en campo o produtor xa tería o fertilizante idóneo na súa casa para poder aplicalo”, conta o director técnico de Aresa.
Produción á carta
O Grupo Aresa é unha empresa con máis de medio século de experiencia, especializada na importación, fabricación e comercialización de fertilizantes, que distribúe unhas 50.000 toneladas anuais e conta con fábrica de blending en Rábade.
“A nosa idea é fabricar produtos á carta en base a esa analítica que obteñamos co NIRS. Habería que solicitar autorización para esa mestura concreta, fabricala e enviala ao agricultor. Iso sería o ideal, un consumo de fertilizantes á carta por parte dos produtores, pero estamos vendo que a burocracia mata esa idea. E se non existe a mestura xusta que necesitas sempre vas sobrefertilizar, porque non te vas quedar por baixo dos requirimentos do cultivo”, razoa Rubén, sempre referíndose ao Regulamento Europeo 2019/1009.
“O mesmo queremos facer coas mesturas de sementes, con fórmulas específicas, pero atopámonos con moitísima burocracia e atrancos para lévalo a cabo. É un contrasentido, porque é o que a UE está pedindo”, quéixase o director técnico do Grupo Aresa.
Asesoramento técnico independente
A nova PAC outorga un papel esencial dentro do sistema AKIS aos técnicos que asesoran aos produtores, como axentes dinamizadores para o fomento da innovación no sector agrogandeiro. “A día de hoxe tes que estar ao día, tes que innovar. Non é como antes, que dicías teño un triple 15 e a vender”, afirma Rubén.
Defende o rol do asesor comercial porque, di, non está reñido con ter cualificación técnica e poder asesorar de xeito independente ao produtor. “O asesor de abonado ten que facer unha recomendación técnica obxectiva que faga ao gandeiro mellorar a eficiencia da súa explotación, e con iso os resultados e a rendibilidade da súa granxa”, argumenta.
O departamento técnico é unha pata fundamental hoxe para as empresas e os produtores
O incremento do tamaño e do nivel de profesionalización das explotacións leva aparellado un corpo técnico multidisciplinar de asesoramento en materia de fitosanitarios, abonado, xestión da PAC, etc. “O agricultor, hoxe en día, ten que identificarse coma un empresario e adicar o 100% do seu tempo á finalidade productiva da súa empresa, que é producir leite, carne, viño, etc. Para o resto temos que estar nós aí, dando soporte e apoio técnico, suplindo esa parte e resolvendo esas carencias. É un binomio moi bo o que forman o agricultor ou gandeiro máis o técnico, dá moi bos resultados, xa que o descargas dese traballo máis tedioso”, insiste.
Na procura dunha información ao agricultor o máis obxectiva posible, o Grupo Aresa está a traballar en conxunto neste proxecto co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, de maneira que as recomendacións que saian da nova ferramenta de cálculo de nutrientes estea baseada nos criterios do centro público de referencia a nivel agronómico en Galicia.
O cálculo de necesidades do solo está baseado nos criterios establecidos polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, non son parámetros comerciais, senón obxectivos
“Xa estamos desenvolvendo un recomendador de necesidades do solo en función do cultivo e dos parámetros que se indican no CIAM. Polo tanto, non son parámetros comerciais, senón dun organismo oficial, aínda que a ferramenta desenvolvida sexa propia de Aresa. Estará integrada dentro do noso Caderno de Explotación, na pestana dos Plans de Abonado, e estará a disposición dos nosos clientes”, explica Rubén.
Adiantarse ás novas normativas
O obxectivo do Grupo Operativo Nirs2Custom é desenvolver unha maneira rápida de analizar o solo a tempo real, con só chegar ao campo e tomar unha medición sobre o terreo. O novo Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas pretende xeralizar este tipo de analíticas, que haberá que facer cando menos unha vez cada 10 anos en todas as parcelas de secano.
“Tal como veñen os plans de abonado, aínda que non están aínda moi definidos na norma, en setembro empezaranse a tomar datos nas grandes explotacións para estender esta práctica ás máis pequenas en setembro do 2025”, explica Rubén.
Os datos das analíticas aparecerán automaticamente no Caderno de Explotación, que mediante intelixencia artificial estimará as necesidades de fertilización da parcela, servindo como Plan de Abonado
Por iso, a intención do Grupo Aresa é ter xa a nova ferramenta de cálculo de nutrientes en funcionamento no mes de setembro de 2024, cando entre en vigor a obriga de cubrir o Caderno Dixital por parte das explotacións que declaran máis de 30 hectáreas de terras de cultivo na PAC.
Os datos das analíticas en campo aparecerán directamente no caderno da explotación, o que facilitará o cumprimento da normativa, que require Plans de Abonado ás granxas e dalles un prazo máximo dun mes para anotar as aplicacións realizadas no seu Caderno Dixital.
Durante 3 anos ese compendio de datos servirá ao Ministerio para ter indicadores de referencia dos aportes medios realizados polas explotacións e en base a esas medias e o nivel de desviación de cada explotación terán que adoptar ou non medidas correctoras.
A prioridade nun primeiro momento será o control dos produtos nítricos e fosfatados
Entre as prioridades que a UE marca para os vindeiros anos en documentos como a Estratexia da Granxa á Mesa en canto á redución de fertilizantes químicos estaría o control dos produtos nítricos e fosfatados, con especial incidencia na diminución do uso de produtos ureicos (fabricados a partir de amonio e anhídrico carbónico, a partir de alta presión e temperatura, e cun contido en nitróxeno do 46%).
“Primeiro empezarán por nitróxeno e fósforo. Vendo que os cultivos nesta zona son fundamentalmente pradeira e millo, altos consumidores de nitróxeno, ese vai ser o máis importantes en Lugo e na Coruña. En Ourense, coa pataca, tamén os fosfatos”, explica o director técnico de Aresa.
Eu recomendo aproveitar o período voluntario para ir familiarizándose cos cambios e non deixar todo para o último momento como pasou cos carnés de fitosanitarios
Aínda están sen definir zonas vulnerables á contaminación por nitratos, onde o control vai ser aínda máis estrito. No punto de mira están comarcas de Ourense como a Limia ou zonas de Pontevedra como o Deza, onde a presenza de granxas porcinas incrementa o volume de xurros xerados polas explotacións leiteiras.
Rubén lembra o acontecido fai anos coa normativa de fitosanitarios. “Aínda que o decreto xa estaba dende o 2012, a xente non estaba preparada para cando foi a súa obrigatoriedade no ano 2016. Moitos tiveron que ir fóra de Galicia, a provincias como Zamora, a sacar o carné de aplicador”, di. Para que co abonado non pase o mesmo, recomenda ás explotacións que aproveiten o período voluntario que se vai abrir para familiarizarse cos cambios que se aveciñan.
“Os abonos de orixe orgánica non fan milagres”
Ademais do Nirs2Custom, o Grupo Aresa está iniciando un proxecto supraautonómico de valorización de residuos e está tamén inmerso noutro proxecto europeo de economía circular. Rubén de Castro defende que se deben “aproveitar ao máximo os fertilizantes orgánicos que se producen na propia granxa e suplementar con abonos químicos”, porque, di, “os abonos orgánicos non cubren todas as necesidades nutricionais dos cultivos, sobre todo dos que son tan esixentes en nitróxeno, coma o millo e a herba”.
“Non ten ningún sentido ter que tirar o purín das granxas, témolo que aproveitar facendo un bo manexo del para optimizalo agronómicamente, pero témonos que apoiar en abonos químicos para manter as producións altas e depender menos das compras externas. Sempre con un control, iso si. Por iso, para min os Plans de Abonado son positivos, porque axudarán a ese control, como o fixeron no seu día as declaracións de fitosanitarios”, compara.
As solucións biolóxicas son positivas e hai que telas en conta, pero hai que ser conscientes dos seus limitantes
A rotación con leguminosas ou con outros cultivos mellorantes do chan, incentivada na PAC, é totalmente recomendable, defende. Axuda a diminuír as unidades fertilizantes aportadas polos abonos químicos, xera materia orgánica e mantén una boa estrutura do chan pero non solventa tampouco a totalidade das necesidades, asegura.
“A nutrición virá dada por una suma de accións e unhas non van suplir as outras. Estou a favor das prácticas de rotación, pero iso pode aportarche 5 unidades de nitróxeno, que se suman ás 30 ou 40 unidades de nitróxeno que che pode aportar o purín, cando un millo aquí en Galicia nun solo habitual pode precisar unhas 250-300 unidades, entre as necesidades do cultivo e as perdas por lixiviación, volatilización, etc. O uso de biolóxicos ten o seu percorrido, pero é limitado”, di.
“Para manter as producións, ao chan hai que aportarlle o que necesita a planta”
En zonas de produción leiteira de Galicia, como poden ser o Xallas ou a Terra Chá, este ano acadáronse, nalgúns casos, producións totais de 20 toneladas de materia seca (ou 70 fresca) por hectárea, sumando o cultivo de inverno de pradeira e o de verán de millo, uns rendementos necesarios para reducir a dependencia dos pensos, que incrementan os custos de produción das granxas.
“Se queres manter esas producións (sobre 50-55 tm de materia fresca/ha de produccións medias) hai que seguir aportando nutrientes ao chan, xa que non é unha fonte inesgotable de NPK, elementos secundarios e microelementos. Segundo os cálculos de extracción de N en base a proteina bruta do millo, para estas producións a planta necesita extraer do chan uns 200 kg N/ha (6,5%PB). E hai que ter en conta que sempre vas ter perdas por volatilización ou lixiviación, que podemos reducir enterrando o xurro, que é o que hai que facer, pero sempre imos ter perdas e hai que telas en conta”, explica.
Un millo aquí en Galicia nun solo habitual pode precisar unhas 250-300 unidades de nitróxeno, segundo as extraccións do cultivo e as posibles perdas
Por iso, Rubén alerta de que a redución do 30% de nitroxenados, que é o que pide a UE, vai haber que suplilo aumentando a superficie agraria, algo difícil en Galicia, onde “non hai superficie dispoñible e temos o problema do minifundismo”, insiste.
“Se queres baixar un 30% o uso de fertilizantes sen perder produción tes que aumentar nun 30% a superficie agraria, é unha regra de tres moi clara, e aquí en Galicia non estamos sobrados de superficie agraria. Co enterrado do xurro para evitar as perdas por volatilización, e fixando nitróxeno atmosférico mediante rotacións con leguminosas igual non tes que aumentar un 30% a superficie pero si un 20 ou un 25%. Porque aínda que apliques as mellores prácticas posibles, que hai que aplicalas, non se é capaz de compensar ese 30%. Ademais, ao aumentar a SAU increméntanse determinados custos de produción (maquinaria, horas de traballo, etc)”, argumenta.
1 Comment
Vamos a ver señores de ARESA, Por que din que o xurro só aporta como máximo 20 Kg de Nitróxeno cando unha vaca sola, de 12000 litros de produción de leite xa produce 130 a o ano? Antes de empezar o proxecto repasen o que leva traballado o CIAM, onde decimos que se sobrra algo o primiero serían os ferrilizantes quimicos, non o dí só o CIAM só teñen que ver os datos publicados no informe de indicadores da PAC. publicado polo Ministerio de Agricultura para o seguemento do plan estratéxico. PEPAC español.