Novas estratexias para eliminar pesticidas persistentes nos solos

A investigación da USC, liderada pola bióloga Zoe Chaos, céntrase no hexaclorociclohexano, amplamente empregado en agricultura durante a segunda metade do século XX ata que a evidencia científica confirmou a súa elevada toxicidade

Zoe Chaos.

O hexaclorociclohexano (HCH), un pesticida organoclorado coñecido como lindano, foi amplamente empregado en agricultura durante a segunda metade do século XX, ata que a evidencia científica confirmou a súa elevada toxicidade, persistencia e capacidade de bioacumulación. Por iso foi incorporado á lista de Contaminantes Orgánicos Persistentes e prohibido en 2009 polo Convenio de Estocolmo.

Agora, un estudo do Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), liderado pola bióloga e investigadora galega Zoe Chaos, centrouse na avaliación da persistencia a longo prazo desta substancia en solos contaminados, así como na exploración de novas estratexias para mellorar a súa monitorización e eliminación. O traballo combina estudos ambientais con ensaios experimentais de laboratorio e desenvolveuse dentro do grupo AMBIOSOL do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, baixo a dirección da catedrática Carmela Monterroso.

O solo é un recurso esencial para a vida e o funcionamento dos ecosistemas, pero a súa contaminación representa unha ameaza directa para a biodiversidade, a seguridade alimentaria, a saúde humana e os procesos de descarbonización. Ademais, a resistencia á degradación e a inadecuada xestión dos residuos de fabricación fixeron que a contaminación asociada ao lindano siga activa en numerosos puntos de Europa. En España destacan varios enclaves críticos en Aragón, Galicia e o País Vasco.

En Europa estímase que existen máis de 2,5 millóns de emprazamentos potencialmente contaminados, dos cales un 14% presentan contaminación severa. Esta realidade motivou a recente aprobación da Directiva de Vixilancia do Solo (UE 2025/2360) no marco do Pacto Verde Europeo.

Entre os contaminantes prioritarios destacan os pesticidas organoclorados persistentes, como o HCH, cuxo comportamento ambiental a longo prazo continúa sendo pouco coñecido. Neste escenario, “resulta esencial avanzar en novas ferramentas para a vixilancia ambiental e en estratexias sostibles de recuperación de solos afectados por contaminantes persistentes”, explica a investigadora Zoe Chaos, cuxa tese de doutoramento contribúe a estes obxectivos mediante investigación aplicada e enfoques innovadores.

Metodoloxía
O estudo desenvolveu un programa de monitorización ambiental, baseado en análises sistemáticas da presenza de HCH en solos e vexetación, na área de estudo situada no Porriño (Pontevedra) e avaliou o uso de diferentes especies de musgo como biomonitores, dada a súa capacidade para acumular outros contaminantes. Paralelamente, realizáronse ensaios experimentais que exploraron tres estratexias de descontaminación do solo: a mobilización do contaminante para facilitar a súa eliminación física, a inmobilización para reducir o risco de dispersión e a destrución mediante oxidación electroquímica.

Os resultados mostran que o HCH se mantén nos solos durante décadas e pode dispersarse polo aire, sendo adsorbido por especies arbóreas como Quercus robur, que actúan como bioindicadores pasivos da contaminación. “Os estudos con musgos permitiron explicar os mecanismos de retención do HCH en tecidos vexetais e identificar especies acumuladoras adecuadas para técnicas de biomonitorización activa”, sinala a investigadora.

En canto ás estratexias para poñer remedio a esta situación, comprobouse a eficacia de distintos compostos con actividade surfactante na mobilización de HCH, con potencial en técnicas de lavado de solos. Tamén destacaron as emendas orgánicas, como o compost e o biocarbón de cortiza de piñeiro, que mitigaron significativamente o risco de lixiviación e volatilización do HCH, e melloraron a calidade edáfica. Especialmente relevantes foron os resultados da oxidación electroquímica, capaz de lograr taxas de degradación superiores ao 90% en condicións óptimas.

Xestión máis sostible
A tese pon de manifesto a importancia da monitorización continuada en zonas afectadas historicamente por este tipo de contaminantes e achega ferramentas que contribúen a unha xestión máis sostible, aliñada cos obxectivos europeos de restauración e protección do solo.

A investigación enmárcase no proxecto EvaLind, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (PID2019 107879RB 100) e pola Unión Europea a través de fondos FEDER. Ademais, a autora realizou unha estadía de investigación financiada polo programa de mobilidade de CRETUS na Luleå Tekniska Universitet (Suecia) baixo a coordinación do profesor Iván Carabante, experto en remediación de solos contaminados. O traballo desenvolveuse nun contexto interdisciplinario, coa colaboración doutras investigadoras de CRETUS —entre elas as catedráticas de Enxeñaría Química Ana Soto e de Química Analítica Carmen García Jares e a investigadora posdoutoral María Celeiro—. Os resultados foron difundidos en congresos internacionais e publicacións científicas de alto impacto. A tese obtivo a cualificación de Sobresaliente cum laude e a Mención Internacional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *