O consorcio do proxecto I-ReWater organizará a próxima Conferencia Euromediterránea sobre Reutilización de Augas Residuais

Suporá unha oportunidade para visibilizar a investigación liderada pola Universidade de Santiago de Compostela para promover a xestión sustentable dos recursos hídricos na agricultura de regadío do espazo SUDOE

Imaxe da anterior edición, en Francia, onde Javier J. Cancela presentou os primeiros resultados do proxecto. Cedida

Imaxe da anterior edición, en Francia, onde Javier J. Cancela presentou os primeiros resultados do proxecto. Cedida

O consorcio do proxecto I-ReWater, coordinado polo profesor Javier J. Cancela, organizará a próxima edición 2026 da Conferencia Euromediterránea sobre Reutilización de Augas Residuais (REUSE EUROMED2026). Este evento científico está dedicado á reutilización de auga urbana rexenerada no Mediterráneo e Europa, centrándose nos múltiples usos relacionados coa reutilización de augas residuais tratadas e augas non convencionais a diversas escalas.

O evento reunirá investigadores, profesionais da auga, responsables políticos e expertos para compartir experiencias e puntos de vista sobre a reutilización de auga en Europa, incluíndo casos de éxito, análise de fracasos, perspectivas e enfoques metodolóxicos relacionados co deseño, posta en funcionamento e avaliación de proxectos de reutilización.

O consorcio de I-ReWater asistiu á anterior edición para avanzar os resultados do primeiros dez meses de traballo desta investigación aplicada. Durante o relatorio, Javier J. Cancela presentou a metodoloxía para elaboración da futura ‘Estratexia de Uso da auga Rexenerada no Regadío para o espazo SUDOE’ e explicou os ensaios realizados en varios dos quince pilotos localizados en España, Portugal e Francia acompañado de varios socios.

“O encargo da organización de REUSE EUROMED ao consorcio I-ReWater demostra a relevancia do traballo que realizamos en 2024. Este evento dentro de dous anos permitiranos, ademais, expor os principais fitos e resultados que obteremos, así como a presentación do Hub I-ReWater a nivel nacional e europeo”, valorou Javier J. Cancela.

Xestión hídrica adaptada ao cambio climático
O obxectivo do proxecto ‘I-ReWater. Xestión sustentable dos recursos hídricos na agricultura de regadío no espazo SUDOE’ é integrar o uso de auga urbana rexenerada en cultivos agrícolas, contemplando aspectos ambientais que aseguren o seu bo uso debido á crise climática actual. Foi aprobado durante a primeira convocatoria Interreg SUDOE 2021-2027 e conta cun orzamento de máis de 2,2 millóns de euros financiados nun 75 % polo Fondo FEDER.

Nas 15 accións piloto planificadas en cultivos leñosos (lúpulo, oliveiral, viñedo e almendro) e hortícolas (tomate e sandía), todos os sistemas de fertirrego incorporarán sensores de baixo custo a nivel de chan e planta que permitirán interpretar en tempo real parámetros como condicións climáticas, temperatura, cantidade de auga no chan ou nutrientes da planta.

Este sistema de axuda á decisión (DSS polas súas siglas en inglés) replicarase a nivel de usuario, permitindo ao agricultor coñecer cando e canto debe regar e, ao mesmo tempo, avanzar cara a unha agricultura máis eficiente e sustentable da man da economía circular.

O consorcio de I-ReWater tamén está a analizar o estado actual dos recursos hídricos no espazo SUDOE, con especial atención ao uso de augas rexeneradas na agricultura de regadío, así como aos efectos na produción e calidade dos cultivos, ao fin de favorecer a resiliencia e a seguridade das augas.

Xa no tramo final desta investigación, presentarase a ‘Estratexia de Uso da auga Rexenerada no Regadío para o espazo SUDOE’ e o global de resultados obtidos estará dispoñible nun Hub de coñecemento de acceso libre.

Comments are closed.