“O cultivo de pataca é máis rendible e sustentable rotando con chícharos e empregando plantas trampa contra os nemátodos”

Entrevista ao investigador David Fernández Calviño, quen dende a Universidade de Vigo, liderou en Galicia o proxecto europeo SoildiverAgro, unha iniciativa que nos últimos anos ensaiou na Limia novas prácticas e sistemas de cultivos que melloren a biodiversidade do solo.

O investigador David Fernández Calviño nun dos cambios de ensaio na Limia. Foto: Arquivo

Desde 2019, 22 socios de sete países liderados pola Universidade de Vigo desenvolveron o proxecto europeo SoildiverAgro co obxectivo de avanzar na adopción de novas prácticas e sistemas de cultivos que melloren a biodiversidade do solo.

SoildiverAgro (Soil biodiversity enhancement in european agroecosytems to promote their stability and resilence by external inputs reduction and crop performance increase) foi financiado con case sete millóns de euros polo programa H2020 da UE. Liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo polo investigador David Fernández Calviño, contou coa participación de socios de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa, incluíndo universidades, centros de investigación, empresas, organizacións sen fins de lucro, agricultores, organizacións de agricultores e organizacións da administración pública. Entre eles, de Galicia están, ademais da UVigo, Feuga, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e o labrego Rubén Rodríguez.

Falamos con David Fernández Calviño sobre os resultados de SoildiverAgro para avanzar cara unha agricultura europea máis sustentable.

-Vides de presentar os resultados do proxecto europeo SoildiverAgro, no que ao longo de 6 anos 22 socios de sete países de Europa ensaiastes distintas alternativas para reducir o uso de fertilizantes e pesticidas e mellorar a biodiverdidade do solo. A grandes rasgos, como valoras os resultados deste proxecto?
Tanto dende o punto de vista científico coma práctico os resultados foron moi positivos. Por unha banda, contribuíuse a avanzar no coñecemento de cuestión relacionadas con coñecementos básicos, coma pode ser a relación entre determinados grupos de organismos e a provisión de servizos ecosístemicos. Por outra banda, creouse coñecemento que permitirá aos agricultores producir alimentos de forma máis sostible sen que iso repercuta negativamente nas súas ganancias.

-Quizás unha das novidades deste proxecto foi tamén a plena implicación dos produtores, e ademais tentando dar resposta dende o ámbito da investigación ás necesidades que plantexaron….
Este tipo de colaboracións directas entre agricultores, investigadores e outros actores interesados forma parte do que se coñece coma enfoque multiactor, o cal é obrigatorio en moitos proxectos dos programas H2020 e Horizonte Europa financiados pola Unión Europea. Non é sempre doado encaixar nun mesmo proxecto a distintos tipos de actores, pero con isto búscase que a investigación científica saía dos laboratorios e non se centre só en xeración de coñecemento, senón que contribúa a resolver problemas reais.

-No caso da Universidade de Vigo, como un dos catro socios en Galicia -8 en España- deste proxecto europeo, realizastes ensaios en cultivos de pataca e de cereal na comarca da Limia durante tres anos. Como punto de partida, que necesidades detectastes para mellorar a biodiversidade do solo e reducir o uso de agroquímicos?
Durante a redacción do proxecto identificáronse diversos problemas coma rotación de cultivos simples, alta incidencia de enfermidades coma sarna e nematodos en pataca, ou elevado uso de fertilizantes e funxicidas de síntese química. Intentouse dar resposta a estes problemas con resultados diversos, algúns deles moi prometedores coma plantas trampa coma sistema biolóxico de loita contra o nematodos da pataca ou posibles melloras nas rotacións de cultivos introducindo legumes, o que permite reducir fertilizantes nitroxenados de síntese química e mellorar producións.

“O uso de plantas trampa é o método máis eficaz e económico contra o nemátodo da pataca”

-Nesta liña, un dos resultados máis positivos do proxecto foi o ensaio dunha alternativa eficaz para reducir o uso de nematicidas no cultivo da pataca. ¿En que consiste e cales foron os seus resultados?
Sabíamos que a plantación de Solanum sisymbriifolium é unha planta que pode reducir o número de quistes de nematodos, pero que moitas veces non funcionaba por problemas de xerminación. O que se fixo no proxecto foi ensaiar distintos tempos, formas e manexos de plantación para obter as condicións óptimas. Unha vez obtidas ensaiouse a súa eficacia en parcelas infestadas de nematodos do xénero Globodera con resultados moi prometedores.

-¿Cales son as vosas recomendacións para que os produtores de pataca podan empregar con éxito esta planta trampa?
É unha planta que require calor, polo que deber sementarse a partir de mediados de xuño. A profundidade de plantación deber ser de 10-15 cm acompañada de irrigación se a humidade do solo é escasa. Finalmente é conveniente pasar un rulo para compactar lixeiramente o solo.

-Esta liña de investigación continuádela no proxecto estatal ReNaturAgri. ¿En que consiste este novo proxecto e que obxectivos e prazos se marca?
O proxecto ReNaturAgri é un proxecto curto (2 anos e 9 meses) financiado por fondos Next Generation e está previsto que remate en Agosto de 2025. Nel comparáronse distintas alternativas para combater o nemátodo da pataca, incluíndo Solanum sisymbriifolium, e ademáis da eficacia para combater a praga, estudáronse os efectos sobre as producións de pataca, sobre as marxes brutas para o agricultor.

Ademais, estudáronse os efectos dos distintos tratamentos sobre a biodiversidade do solo, os servizos ecosistémicos ou custes ambientais. Os resultados obtidos mostraron que o uso de plantas trampa é o método máis eficaz contra o nemátodo e ademais o que mellores resultado aporta ao agricultor dende un punto de vista económico.

-Dentro do proxecto SOILDIVERAGRO tamén ensaiastes a rotación da pataca con chícharos para mellorar a fertilidade do solo e reducir o uso de abonos de síntese. ¿Cales foron os principais resultados desta técnica que se probou?
Os resultados do proxecto mostraron que substituír trigo por chícharos na rotación mellora os rendementos da pataca no ano seguinte á vez que se reduce o nitróxeno aplicado en cobertoira un 50%. Ademais, incrementáronse as marxes brutas por maior produción de pataca pero tamén polo menor custe de produción do chícharo que do trigo.

 “O cultivo de chícharo en rotación coa pataca reduce nun 50% as necesidades de nitróxeno químico en cobertoira e mellora as marxes para o produtor”

-Unha terceira liña de traballo foi o uso de fungos micorrízicos como alternativa aos fertilizantes fosfóricos e para reducir as fitopatoloxías da pataca. ¿Que valoración facedes dos resultados deste ensaio?
Os resultados obtidos neste ensaio foron moi variables. Por unha banda observouse que a aplicación de fungos micorrízicos non contribuíu a reducir a incidencia da sarna da pataca nas parcelas experimentais. Por outra banda, observouse que a pesar de ser solos moi ácidos, os solos da Limia teñen elevados contidos de fósforo (P) asimilable polas plantas o que permitiu reducir a cero a aplicación de P (incluso sen fungos micorrícicos) sen diminucións na produción de pataca.

Por último, en anos climáticamente normais a aplicación de fungos micorrícicos permitiu inclementar os rendementos da pataca reducindo a aplicación de fósforo. Sen embargo, en anos con temperaturas excesivas no verán os fungos micorrízicos non se desenvolveron adecuadamente e non tiveron impactos na produción de pataca.

-Dende a Universidade de Vigo tamén testastes sistemas de alerta de enfermidades causadas por fungos, principalmente mildio, na pataca para reducir e mellorar a eficacia no uso de funxicidas químicos. ¿Que destacarías como principais conclusións? ¿Están xa dispoñibles para os agricultores estes sistemas de alerta temperá?
O uso de funxicidas baseado en sistemas de alerta permitiu reducións no número de aplicacións dun 50%. Sen embargo, isto conduciu a pequenas perdas de produción. Por tanto, estes sistemas deben ser mellorados antes da súa aplicación a grande escala.

-En xeral, como valoras a resposta dos agricultores da Limia ao proxecto SOILDIVERAGRO?
A participación dos agricultores da Limia nas actividades do proxecto foi moi elevada comparada co habitual neste tipo de proxectos noutras rexións europeas. A isto contribuíu a grande interacción que o INORDE (socio do proxecto) ten con eles. Por outra banda demostra, que os agricultores da Limia están moi interesados en mellorar a sustentabilidade das súas explotacións.

“Os agricultores da Limia están moi interesados en mellorar a sustentabilidade das súas explotacións”

-Como vai ser o proceso para facer transferencia destes resultados aos agricultores? Cales consideras que son as claves para que teña éxito a súa transferencia?
Dende a Universidade de Vigo continuamos a desenvolver proxectos na comarca en colaboración co INORDE. Isto permite unha interacción habitual cos agricultores que agardamos se traduza a curto prazo na adopción das practicas testadas por parte dalgúns deles. Que a este “pioneiros” lles dean bos resultados contribuirá a un incremento da súa aplicación. Por outra banda, estamos a redactar un proxecto de transferencia para facilitarlles sementes e asesoramento.

-Dentro do proxecto SOILDEVERAGRO tamén deseñastes unha guía de boas prácticas agrícolas, adaptada ás distintas rexións e contextos de Europa, ademais dunha ferramenta de apoio á toma de decisión por parte dos agricultores. Como se pode acceder a elas?
A guía estará dispoñible na web do proxecto e faranse pequenos resumos das distintas prácticas para facilitar a súa lectura.

-Algo máis que queiras engadir?
Gustaríame agradecer aos agricultores da Limia a súa boa acollida, e a participación nas actividades do proxecto. Agradecer tamén a Rubén Rodríguez Gómez e INORDE a súa participación directa coma socios. Por último quero facer un agradecemento especial a Servando Álvarez Pousa pola súa gran implicación neste e noutros proxectos que a Universidade de Vigo desenvolve na Limia. Sen el non serían posibles.

Particpantes na xornada de presentación de resultados do proxecto SOILDIVERAGRO, celebrada recentemente no Campus de Ourense. Foto: Cedida

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *