O Congreso de Leguminosas ‘Alimentación, Agricultura e Medio Ambiente’ aterra en Pontevedra
O evento celebrarase do 28 ao 30 de outubro e busca promover un foro de discusión cos interlocutores sociais, defender a variabilidade e fomentar novos usos das leguminosas

As VII Xornadas da Asociación Española de Leguminosas, que se desenvolverán a través do Congreso ‘Alimentación, Agricultura e Medio Ambiente’, celebraranse no Liceo Casino de Pontevedra do 28 ao 30 de outubro. O evento ten como obxectivo promover un foro de discusión cos interlocutores sociais, defender a variabilidade e fomentar novos usos das leguminosas.
“Nos últimos anos aumentou o interese pola alimentación, a agricultura e o medio ambiente como piares dunha vida máis saudable e sostible. As leguminosas, polo seu alto valor proteico e a presenza de compostos con efectos beneficiosos para a saúde, consolidáronse como un elemento clave na nutrición humana e animal. Ademais, o seu cultivo desempeña un papel fundamental nunha agricultura máis sostible”, explica Antonio De Ron Pedreira, profesor de investigación ad honorem do CSIC na MBG e coordinador do evento.
O prazo de inscrición, con cota reducida, estará aberto ata o 30 de maio. Pódese acudir e presentar comunicacións orais ou pósteres (prazo de envío ata o 31 de xullo).
Programa
Comezará o 28 de outubro coa inauguración oficial. Nesa primeira xornada visitaranse os pósteres presentados e presentaranse as comunicacións orais ao redor dos bloques temáticos de Recursos xenéticos, Xenética e mellora, Alimentación humana e animal. A sesión terminará pola tarde cun acto social de degustación de legumes.
O 29 de outubro o encontro contará con dúas mesas redondas: “Transferencia de coñecemento e tecnoloxía” e “Alimentación humana e animal”. Presentaranse pola tarde comunicacións orais ao redor do bloque temático Agronomía e como acto social terá lugar unha visita guiada histórico-artística á cidade de Pontevedra. Pola noite, o Liceo Casino acollerá a cea de clausura do congreso.
O último día do evento, o 30 de outubro, presentaranse comunicacións orais ao redor do bloque temático Medio ambiente. Para rematar, terá lugar a clausura académica do congreso coa participación dos Socios de Honra e a asemblea da Asociación Española de Leguminosas.
O encontro está promovido pola Asociación coa colaboración da Sociedade de Ciencias de Galicia, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través da súa Delegación en Galicia e da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) e a Deputación de Pontevedra. Conta co patrocinio de ENCE, Enerxía e Celulosa e a Conexión REGEN do CSIC.



