O Grupo Operativo XIPrisco conseguiu reducir nun 50% o uso de antifúnxicos no cultivo de pataca

O equipo de traballo, promovido por AGACAL, desenvolveu alternativas de loita fronte ao mildeu e a alternariose sen recurrir a funxicidas químicos. A investigación desenvolveuse nas diferentes comarcas pataqueiras de Galicia. Tivéronse en conta os elementos climáticos cambiantes que xa están a alterar os ciclos de colleitas

Variedades de pataca.

O Grupo Operativo XIPrisco ven de presentar os resultados dos seus tres anos investigando alternativas para reducir o uso de funxicidas químicos no cultivo da pataca en Galicia. Mediante o emprego de modelos predictivos, conseguiuse reducir entre un 40% e un 50% o uso deses fitosanitarios nas parcelas de estudo.

O mildeu e a alternariose foron as pragas nas que se centrou a meirande parte da investigación. O principal obxectivo era dotar de ferramentas aos agricultores nun contexto de mercado cada vez máis esixente no que os consumidores buscan alimentos procedentes de agriculturas respectuosas co medio.

Os membros de XIPrisco destacan que o grupo “permitiu establecer unha colaboración real entre investigadores, técnicos e agricultores para afrontar un dos principais retos actuais do cultivo da pataca: producir de maneira máis sostible mantendo ao mesmo tempo a rendibilidade e a calidade das súas producións e apostando pola agricultura como medio de vida.”

O proxecto estivo financiado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), no marco das axudas para a creación e funcionamento de Grupos Operativos da Asociación Europea para a Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia. O orzamento foi de 156.614,11€.

O Grupo Operativo estivo integrado polo Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia o Centro Agrogandeiro do INORDE, a Comunidade de Regantes Lagoa de Antela, a Universidade de Vigo, Leonardo Rodríguez Fraga (agricultor da comarca de Bergantiños) e agricultores da comarca de A Limia que participaron voluntariamente nos ensaios e na validación das ferramentas desenvolvidas.

A colaboración do grupo de Enxeñería Informática do Campus de Ourense, permitiu desenvolver unha aplicación para informatizar todo o proceso e que os agricultores poidan levar con eles os modelos de predición ao campo e recibir información en tempo real sobre o risco das principais enfermidades da pataca.

Dese xeito, terán máis datos á hora de tomar decisións e asi poder aforrar tratamentos fitosanitarios que en moitos casos se aplican por seguridade ante o descoñecemento do risco das enfermidades. Con eses modelos de predición puidéronse reducir en entre un 40 e un 50% os tratamentos fúnxicos no cultivo da pataca sen que isto supuxera una perda de rendemento.

Entre os principais logros, dende XIPrisco queren destacar a xeración de coñecemento sobre o comportamento do mildiu e da alternariose nas dúas principais zonas produtoras de Galicia: A Limia e Bergantiños. E o estudo da adaptación do cultivo as condición climáticas actuáis influenciadas polas consecuencias do cambio climático establecendo un ensaio no que se testaron diferentes datas de sementeira (dende datas temperás para a zona ata datas de sementeira tardías).

Tamén se elaboraron fichas técnicas sobre o manexo de enfermidades da pataca adaptadas ás zonas de producción de Galicia que se compartirán aos agricultores para que poidan coñecer e informarse sobre as enfermidades máis frecuentes en territorio galego.

Dende o Grupo Operativo sinalan que “as parcelas dos agricultores foron verdadeiros laboratorios vivos. A súa implicación permitiu validar as investigacións científicas e convertelas en ferramentas útiles e manexables polos agricultores en explotacións reais e con aplicación baixo condicions reais. A colaboración estreita entre as distintas partes implicadas na cadea de produción é un dos camiños a coller para avanzar cara unha agricultura máis competitiva, sostible e resiliente.

Participación da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo participou a través do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) e do Grupo de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense. O grupo GISA da Universidade foi o responsable do deseño experimental e seguimento científico dos ensaios de campo, da caracterización epidemiolóxica do mildiu e da alternariose, da análise dos datos agronómicos e meteorolóxicos, do desenvolvemento e validación dos modelos de predición do risco de enfermidade.

Os membros do Grupo de Enxeñaría Informática, coa información obtida en campo polos membros do grupo GISA, deron os primeiros pasos para a creación dunha app informática na que se está implementando estes modelos de predición para achegar información útil e actualizada aos agricultores. A app conta cunha interfaz dixital sinxela e de fácil acceso dende soportes dixitais (mobiles, tablets …) que actualmente está en probas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *