Preséntase “Verdura Atlántica”, unha iniciativa para divulgar entre os produtores as novas variedades melloradas de brásicas
O obxectivo é pór en valor os principais resultados obtidos no marco de proxectos de investigación entre os que figura o de valorización dos cultivos de brásicas
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), presentou “Verdura Atlántica”, unha iniciativa de transferencia e difusión ao redor dalgúns dos principais cultivos de brásicas (grelo, verza, repolo ou nabicol). O seu obxectivo xeral é pór en valor os principais resultados obtidos no marco de proxectos de investigación entre os que figura o citado proxecto de valorización dos cultivos de brásicas.
A iniciativa xorde no marco dun proxecto para valorizar os coñecementos e resultados das investigacións en cultivos de brásicas, liderado pola MBG-CSIC (Pontevedra) en colaboración co Instituto de Agricultura Sustentable-CSIC (Córdoba). Conta con financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a través da Axencia Estatal de Investigación, e da Unión Europea con fondos “NextGeneration EU”.
“Nos últimos anos, grazas á investigación, conseguiuse que estes cultivos sexan máis beneficiosos para a nosa saúde, máis resistentes a pragas e enfermidades e teñan unha maior adaptación a climas cálidos e secos. Por iso, a finalidade de “Verdura Atlántica” é que a sociedade en xeral, e os produtores e agricultores en particular, sexan coñecedores da existencia destas variedades de modo que se poida chegar a colaboracións entre a investigación e as empresas para poder pór no mercado produtos derivados destas variedades de brásicas”, explica Elena Cartea, investigadora do CSIC.
“Entre os resultados que se obtiveron coas nosas investigacións destaca a obtención de tres variedades de brásicas enriquecidas en compoñentes bioactivos denominados glucosinolatos, relacionados coa nosa saúde polo seu potencial anticanceríxeno e presentes en todas as partes verdes e sementes destas plantas. Ademais, identificáronse e mellorado unha variedade de repolo resistente á praga dun insecto, Mamestra brassicae, e unha de verza resistente á enfermidade causada pola bacteria Xanthomonas campestris. A iso únese a obtención de dúas variedades de grelo, adaptadas ao clima do Sur da Península Ibérica, todas elas listas para ser utilizadas polo sector agrario e alimentario”, explica Pilar Soengas, investigadora principal, xunto con Elena Cartea, no proxecto.
A través das redes sociais ofrecerán recursos audiovisuais para que o conxunto da poboación poida ter máis información sobre a existencia e a excelencia dos cultivos de brásicas
“Verdura Atlántica” enlaza cos obxectivos e resultados do proxecto e articúlase ao redor de tres elementos fundamentais. En primeiro lugar, unha marca para identificar tanto os resultados deste proxecto como outros que eventualmente poidan xurdir froito de estudos do grupo de investigación. A marca, “Verdura Atlántica”, en proceso de rexistro, enxalza un dos produtos fundamentais na dieta atlántica: as verduras das hortas galegas como son os repolos, as verzas, os grelos e o nabicol.
En segundo lugar, unha páxina web (verduraatlantica.csic.es), cuxo labor é que os usuarios dispoñan de información didáctica sobre as verduras atlánticas como os grelos, as verzas, os repolos e os nabicoles. En terceiro lugar, unha campaña nas redes sociais da MBG (X, Instagram, YouTube e TikTok) ao longo dos próximos meses, que se articula ao redor da elaboración e publicación dunha serie de vídeos divulgativos nas que integrantes do grupo presentan elementos e explican conceptos ligados ás brásicas, tales como os tipos de cultivos que se atopan dentro do xénero Brassica; os compostos beneficiosos para a nosa saúde asociados ao consumo de cultivos de brásicas; as variedades de grelo e nabicol adaptadas ao clima de Córdoba; ou cales son as principais pragas e enfermidades asociadas ao cultivo destas verduras. En definitiva, trátase de dispor de recursos audiovisuais para que o conxunto da poboación, especialmente a xente máis nova, poida ter máis información sobre a existencia e a excelencia dos cultivos de brásicas.
Pilar Soengas explica que “Verdura Atlántica” é o lugar onde obter información sobre os produtos derivados dos cultivos de brásicas: sobre o seu valor e sobre os seus beneficios; sobre as súas orixes e sobre a súa utilidade; e sobre os seus usos e o seu consumo. Diríxese, por tanto, ao público xeral e a agricultores, productores, empresas, asociacións ou entidades con interese nos cultivos de brásicas.
Acto de presentación
O acto de presentación contou coas intervencións de Rafael Zas Arregui, director da MBG; Elena Cartea González, responsable do grupo Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas e investigadora do proxecto; Pilar Soengas Fernández, integrante do grupo Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas e investigadora do proxecto e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.
Ademais, contou coa asistencia de varias empresas do sector da produción e comercialización interesadas nestes cultivos e concluíu cunha sesión de preparación e degustación de pratos elaborados con brásicas a cargo do chef Gerson Iglesias. O cociñeiro do Hotel OCA Vila de Allariz elaborou unha serie de pratos a partir das variedades obtidas no proxecto de investigación como unha “Folla de nabicol crocante”, uns “Talos de nabicol marinados”, un “Repolo en tempura” ou un “Salmorejo de grelo”.