Un estudo analiza as choivas que causaron fame en Galicia no século XVIII

Investigadores explican como as precipitacións de 1768 e 1769 provocaron unha grave crise agrícola e social

Gráfica do estudo. / DUVI Ourense.

Aínda que os estudos climatolóxicos soen pór o seu foco no pasado máis próximo, no presente e nas proxeccións de futuro, a análise da variabilidade climática ao longo dos séculos tamén é de interese para a comunidade científica en canto revela como as forzas ambientais moldearon a sociedade e axuda a contextualizar as tendencias climáticas modernas e as proxeccións futuras.

Con esta perspectiva de traballo, un equipo liderado desde o grupo de investigación da Universidade de Vigo EPhysLab (Environmental Physics Laboratory), pertencente ao Centro de Investigación Mariña, realizou un estudo no que analizou as choivas que no século XVIII provocaron “a última maior crise de subsistencia no noroeste da península ibérica”.

Os resultados do traballo foron publicados co título Assessing the most severe subsistence crisis of the 18th century in the northwest of the Iberian Peninsula: a climatological perspective na revista Climate of the Past, da Unión Europea de Xeociencias. Asinan o traballo os membros de EPhysLab e do Campus Auga Maite de Castro, Moncho Gómez Gesteira, José González e Nicolás G. De Castro. Completa o equipo Juan J. Taboada, de MeteoGalicia, e José M. Vaquero, da Universidad de Extremadura.

 

Anomalías na presión a nivel do mar e na altura xeopotencial

O obxectivo deste estudo foi analizar as condicións atmosféricas no arco Atlántico entre xuño de 1768 e maio de 1769, cando as “persistentes e abundantes choivas precipitaron a crise agrícola máis grave en Galicia e o norte de Portugal no século XVIII, cunha alta mortalidade”.

As condicións atmosféricas deste episodio histórico, que non foi exclusivo de Galicia senón que abrangueu outras do rexións do arco Atlántico, de Irlanda, Inglaterra e Francia, foron analizadas utilizando o conxunto de datos de paleorreanálises EKF400v2, que abarca desde o século XVIII ata principios do século XXI.

As análises feitas no estudo indican que de xuño de 1768 a maio de 1769 a anomalía pluviométrica, de choivas, en Galicia e o norte de Portugal foi positiva en 11 dos 12 meses, coa única excepción de marzo de 1769.

“Aínda que a choiva no norte de Portugal pareceu menos intensa que en Galicia, xuño de 1768 tivo a anomalía de choiva positiva máis alta do século, e setembro de 1768 tivo a segunda máis alta”, recolle o traballo. Os patróns sinópticos atmosféricos dos meses máis chuviosos amosan anomalías negativas tanto na presión a nivel do mar como na altura xeopotencial de 500 hPa no Atlántico nororiental.

“Estes patróns asócianse con vagadas no Atlántico nororiental que inducen a formación de sistemas de baixa presión superficiais e dificultan a progresión dos anticiclóns cara ao leste na rexión, o que resulta en episodios de choiva e frío máis frecuentes do habitual”, sinala o equipo investigador sobre a orixe das choivas.

O exceso de precipitación identificado no estudo, indican os seus responsables, concorda coa ocorrencia de rogativas eclesiásticas pro-Serenitate, destinadas a conter as precipitacións, recollidas en Santiago de Compostela e noutras localidades galegas e lusas e testemuños escritos que indican un número inusualmente alto de días de choiva entre xuño de 1768 e maio de 1769. Ademais, coincide co exceso de mortalidade documentado en 1769 e 1770.

 

A importancia de estudar o clima séculos atrás

Respecto á importancia de estudar o pasado climático, o equipo investigador lembra, citando a diferentes autores, que “nas últimas décadas a comunidade científica ten tomado conciencia da importancia de retroceder no tempo para profundar a nosa comprensión do clima, xa que os rexistros de datos máis extensos permiten interpretacións máis fiables e consistentes do clima”.

Analizar o comportamento do clima ao longo dos séculos, engaden, “permítenos investigar como as forzas ambientais teñen moldeado historicamente diversos sectores da sociedade, analizando as vulnerabilidades xeradas en diferentes sectores socioeconómicos, como a agricultura, o transporte e a enerxía, así como a resiliencia e adaptabilidade da sociedade ás anomalías meteorolóxicas e a dinámica climática”.

A análise dos procesos climáticos históricos anteriores á era industrial, apuntan, “é unha tarefa sumamente complexa, xa que implica o manexo de conxuntos de datos de diversas orixes, incluíndo datos instrumentais de medicións in situ e datos non instrumentais obtidos a partir de indicadores indirectos como rogativas eclesiásticas ou testemuños escritos atopados en cartas, diarios e informes”.

Ademais, matiza o equipo investigador, estes conxuntos de datos adoitan variar en termos de fiabilidade, integridade e cobertura espacial, o que complica aínda máis a análise e a interpretación dos patróns climáticos históricos. Igualmente, engaden, a interpretación dos rexistros climáticos históricos require unha comprensión profunda do contexto no que se recompilaron os datos, incluíndo os factores sociais, culturais e ambientais que poden influír nas observacións e as prácticas de rexistro ao longo do tempo.

“A pesar destes desafíos, o estudo dos procesos climáticos históricos ofrece información valiosa sobre a variabilidade climática a longo prazo e axuda a contextualizar as tendencias climáticas modernas e as proxeccións futuras”, apuntan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *