Xornadas de formación tecnolóxica en Galicia para unha xestión eficiente da auga no sector agrario

As sesións gratuítas, organizadas por EDIH DATAlife, combinarán teoría e práctica no uso de novas tecnoloxías para optimizar a auga na agricultura galega

Cartaz da formación.

O Hub de Innovación Dixital Europeo EDIH DATAlife anunciou unha serie de xornadas de formación dirixidas a profesionais do sector agrario e agroalimentario de Galicia e zonas próximas.

Estas xornadas enfocaranse na aplicación de novas tecnoloxías para unha xestión eficiente da auga. As cinco sesións terán lugar entre o 30 de outubro e o 15 de novembro en horario de tarde, con acceso gratuíto.

Os asistentes recibirán formación específica en temas de gran relevancia para o sector agrario, como a sensorización para un uso eficiente da auga e a monitorización de captacións de auga, sistemas de rego e retornos en cultivos.

Tamén se abordará o como aplicar a economía circular ao uso da auga e a reutilización de augas rexeneradas, tanto na agroindustria como na rega de cultivos. Ademais, os formadores presentarán as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial e a xestión de datos neste ámbito.

Esta formación configúrase como unha ferramenta para informar as participantes cales son as solucións dispoñibles ante a crecente preocupación do sector agrario pola sustentabilidade e a optimización de recursos hídricos. A través dunha combinación de teoría e práctica, os profesionais aprenderán a aplicar estas tecnoloxías nas súas explotacións.

Entre as entidades que colaboran na organización das xornadas están CiTIUS e PROEPLA (USC), DIH DATAlife, ANFACO CECOPESCA e FEUGA, socias do proxecto EDIH. Os formadores, que son Doutores en Enxeñería Agrónoma e docentes da USC, serán Tomás Serafín Custa García, María Teresa Teijeiro Rodríguez e Javier José Cancela Barrio.

Formación impartida en setembro do 2024.

As cinco sesións desenvolveranse en varios puntos de Lugo e A Coruña. A Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) de Lugo acollerá a primeira e a última, mentres que as tres sesións prácticas consistirán en visitas a instalacións de QUEIZUAR (A Silva, Bama), LUTEGA (Presedo, Abegondo) e QUESCREAM (Castro Ribeiras de Lea), programadas para o 7, 8 e 14 de novembro, respectivamente.

O enfoque baséase nunha combinación de dúas sesións teóricas con tres sesións prácticas, que incluirán visitas a agroindustrias e parcelas que contan con sistemas de monitorización. Cada xornada ofrecerá contidos específicos que complementan as demais, polo que se recomenda asistir a todas as sesións, aínda que non é obrigatorio. A inscrición xa está aberta e é gratuíta.

A través da seguinte ligazón pódese visualizar o programa completo: https://www.dihdatalife.com/formacion-agroalimentacion-aplicacion-nuevas-tecnologias-gestion-eficiente-agua/

DATAlife

Esta formación enmárcase dentro dunha serie de formacións que o proxecto europeo EDIH DATAlife está a realizar para impulsar a adopción de tecnoloxías disruptivas en sectores estratéxicos de Galicia, entre os que se atopa o sector agroalimentario, pero tamén as cadeas de valor de pesca-acuicultura, biotecnoloxía, forestal-madeira e saúde-coidados. Poden consultarse todas as formacións que xa se fixeron e que se farán durante este ano 2024 no seguinte calendario:

O obxectivo do proxecto, a través destas formacións e o resto das súas actividades, entre as que se inclúen tamén servizos de asesoría e de implementación de tecnoloxías, é potenciar o valor de Galicia como referente europeo en biorrecursos, sustentabilidade e saúde como panca de innovación e competitividade empresarial.

Comments are closed.