A Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o Centro Texcnolóxico da Carne reforzan a súa colaboración

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural e a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) reforzarán a súa colaboración en materia de investigación e innovación aplicada ao sector cárnico. Así o acordaron este mércores o director da Axencia, Martín Alemparte, e o director-xerente da Fundación, Miguel Fernández, nunha xuntanza de traballo celebrada en Santiago de Compostela.

Durante o encontro abordáronse novas vías de colaboración centradas na investigación para o desenvolvemento de produtos innovadores de cuarta e quinta gama elaborados a partir de Ternera Gallega Suprema, co obxectivo de adaptar a oferta ás novas tendencias de consumo, sen renunciar á calidade, á orixe e á identidade do produto galego.

A reunión tamén serviu para coordinar novas accións de divulgación da artesanía alimentaria no ámbito dos derivados cárnicos, entre elas a primeira xornada da Aula Aberta de Artesanía Alimentaria sobre Derivados Cárnicos, que a devandita axencia e o CTC organizarán o vindeiro 21 de xullo nas instalacións do centro, en San Cibrao das Viñas. A xornada permitirá afondar na regulación da actividade, nas normas técnicas, na innovación aplicada á elaboración de produtos cárnicos artesáns e na divulgación de experiencias de éxito do sector.

Ambas entidades reafirmaron así o seu compromiso de continuar colaborando para impulsar a investigación, a transferencia de coñecemento e a valorización dos produtos agroalimentarios galegos, contribuíndo a reforzar a competitividade e o valor engadido do sector cárnico da nosa comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *