CEAMSA destinará ata 200.000 euros a startups de ingredientes naturais e tecnoloxías sostibles
A compañía galega abre a segunda edición de CEAMBOOST, o seu programa de apoio ao emprendemento innovador, co obxectivo de captar proxectos con potencial industrial e comercial

A empresa CEAMSA, con sede no Porriño, abriu a segunda convocatoria de CEAMBOOST, o seu programa de innovación aberta dirixido a startups especializadas en ingredientes naturais e tecnoloxías sostibles. Nesta edición, a compañía incrementa o investimento inicial ata os 200.000 euros por proxecto e prevé seleccionar ata tres empresas para participar na iniciativa.
O prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata o 30 de xuño. O programa está orientado a startups en fases iniciais de desenvolvemento que conten cun produto mínimo viable e un modelo de negocio enfocado ao mercado empresarial.
Entre os ámbitos de interese figuran os novos ingredientes funcionais, proteínas e fibras de orixe vexetal, así como solucións baseadas en biotecnoloxía, fermentación de precisión ou procesos vinculados á economía circular.
Segundo informou a compañía, a primeira edición de CEAMBOOST, posta en marcha en 2025, recibiu máis de medio cento de candidaturas procedentes de 14 países e concluíu cun acordo de colaboración coa startup catalá Poseidona.
Ademais da convocatoria anual, CEAMSA mantén dúas liñas permanentes dentro do programa. Unha delas está orientada á colaboración con universidades e centros de investigación para transformar resultados científicos en proxectos empresariais. A outra busca facilitar o desenvolvemento e escalado de startups mediante acceso a coñecemento técnico e capacidades industriais.
A iniciativa forma parte da estratexia da compañía para reforzar a súa actividade innovadora e acelerar a incorporación de novas solucións ao mercado dos ingredientes naturais.



