Curso sobre control de fraude alimentario en Lugo

O Colexio de Veterinarios organiza a formación que se centrará na calidade alimentaria, a clasificación e a etiquetaxe de canles de bovino e ovino, ou a produción ecolóxica


O Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo promove unha nova acción formativa gratuíta: ‘Curso de etiquetaxe, calidade comercial dos alimentos e calidade diferenciada’. Está dirixida a todas as persoas veterinarias, así como a outros profesionais relacionados co ámbito da alimentación, tales como farmacéuticos, agrónomos ou traballadores do ámbito da tecnoloxía dos alimentos.
Os interesados en participar neste seminario de cinco sesións, que se celebrarán os días 21, 24, 29, 30 de maio e 4 de xuño en horario de 16:00 horas a 20:00 horas, poderán facelo de modo presencial no salón de actos da entidade lucense (Rúa Ramón e Cajal, 2) ou online a través do correo lugo@colvet.es, aínda que en ambos os casos esíxese unha inscrición previa.

Neste programa formativo, que inclúe 80 prazas presenciais e 100 telemáticas, abordaranse as competencias en materia de requisitos de calidade alimentaria, o marco normativo, o rexistro e a etiquetaxe dos alimentos e outros aspectos relacionados co control da fraude alimentaria. Segundo estatísticas da FAO, uns 2.370 millóns de persoas afrontan en todo o mundo unha inseguridade alimentaria moderada ou grave, o que supón unha preocupación que tamén ten o seu reflexo na normativa europea, estatal e autonómica coa publicación da ‘Estratexia da Granxa á mesa’, ‘Plan Nacional da Cadea Alimentaria’ ou a Lei 1/2024 de Calidade Alimentaria, respectivamente.

O presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, José Luís Benedito Castellote, anima aos profesionais do sector a implicarse activamente nesta cita, na que poderán obter un diploma de asistencia, á vez que afirma que “desde a nosa entidade seguimos impulsando unha oferta formativa ampla e variada da man de reputados expertos e, nesta ocasión, facémolo organizando un curso dirixido non soamente aos nosos membros ou aos doutros colexios galegos, senón a persoas de distintos ámbitos profesionais”.

Organización do programa
O programa divídese nunhas 20 sesións relativas a trazabilidad alimentaria, carne e derivados cárnicos, viños, cervexas, etiquetaxe xeral, produtos da pesca e conservas, produción ecolóxica, etiquetaxe do pan ou aceites vexetais, entre outras cuestións.

Os relatores que impartirán esta formación, que coordinan Antonio Velilla da Lomba, Gonzalo Rodríguez Abuín ou José Luís Benedito Castellote, son: Antonio Velilla Da Lomba, Gonzalo Rodríguez Abuín, Antonio Troitiño López e Fernando Vázquez Mirando, das áreas de Inspección de defensa contra Fraudes e Calidade Alimentaria; Manuel María Cancio Álvarez, director técnico de CRAEGA, e José Braña Rodríguez, sarxento primeiro e xefe do Equipo de Protección da Natureza de Lugo.

Comments are closed.