Experiencias de emprendemento rural por parte de mulleres
Coñecemos catro exemplos de proxectos agroalimentarios levados a cabo na provincia de Lugo con presenza feminina como ingrediente principal
A presenza da muller é esencial para manter vivo o medio rural. Elas aportan valor económico e social e son o principal antídoto contra o declive demográfico. Por iso o emprendemento feminino engade un plus que o fai máis necesario.
A Feira Innovando no Rural, organizada polo Campus Terra da USC este xoves en Lugo coa colaboración da Federación de Mulleres Rurais (Fademur), xuntou distintos proxectos postos en marcha por mulleres en distintos concellos da provincia. O obxectivo foi visibilizalos e que sirvan de inspiración no camiño do emprendemento para o xurdimento doutros moitos, como destacou a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, durante o acto inaugural.
Coñecemos máis polo miúdo algunhas destas iniciativas que xa están a funcionar, os motivos para levalas a cabo e as principais dificultades e atrancos atopados:
“A burocracia é tremenda e os requisitos desproporcionados; desaniman a calquera”
Como en moitos outros casos, a necesidade de conciliar foi o que levou a María Bouzas a emprender. Fai dous anos creou Tataraboas, a súa marca de “galletas artesás con ingredientes naturais do rural galego”.
“Sempre me dediquei á artesanía en distintas disciplinas e nos últimos 7 anos estiven traballando nunha pastelería-panadería”, explica María. Sumando eses dous ingredientes xurdiu este proxecto inspirado na tradición e que persegue “traer a hoxe a sabiduría ancestral, aquilo que sempre se fixo na casa cos mellores ingredientes”, detalla a súa creadora.
Tataraboas conta con 6 tipos de galletas, entre elas variedades con manteiga, con aceite de oliva ou con aceite de coco virxe. Dada a preocupación de María polos produtos saudables e de proximidade, a fariña mércaa en Carballo e é de trigo do país moído en muíño de pedra.
A necesidade de conciliar foi o que me levou a emprender
Pero outra das características desta iniciativa son as súas gañas de seguir explorando e innovando. María tamén foi antes cociñeira vexetariana, de aí que teña galletas veganas, unhas con chocolate e outras de avea e abelá.
A fabricación ten lugar en Amarante, no concello de Antas de Ulla. “Comecei nun obrador compartido, pero agora teño o meu propio obrador na casa”, explica. O máis difícil do proceso de emprender “é con todo o que hai que lidiar polo camiño”, asegura. “Son moitas frontes que tes que abordar ti soa e non en todos sabes moverte”, recoñece.
Malia as axudas ou os programas de apoio ao emprendemento existentes, María reclama sobre todo unha simplificación administrativa. “Para un obrador pequeno e artesán a burocracia é tremenda e os requisitos son desproporcionados; iso bota á xente para atrás”, afirma.
“Hai avances, pero só coñezo a 4 ou 5 mulleres á fronte de adegas na Ribeira Sacra”
En San Fiz (Chantada) atópase a adega Os Cipreses e á fronte dela está Cristina Vázquez, unha das poucas mulleres nun mundo aínda de homes, o do sector do viño. “Eu só coñezo a 4 ou 5 mulleres á fronte de adegas na Ribeira Sacra, das máis de noventa que hai”, evidencia.
Cristina traballaba na empresa familiar, adicada ao sector da electricidade e a iluminación, pero fai 5 anos, cando o seu pai se xubilou, ela decidiu emprender no sector do viño. “Xa faciamos viño. Comezamos nos anos 90 facendo para nós e para os amigos e a partir do ano 1996, a raíz da creación da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, estabamos dentro dela”, explica.
Contan neste momento en total con 3 hectáreas de viñedos e elaboran distintas liñas de viños, nas que destaca o tinto feito a partir de mencía. “O viño tinto é o maioritario na nosa adega, representa arredor do 80%, pero facemos tamén branco e rosado”, indica.
“Non mercamos uva, é toda de produción propia”, engade Cristina. Ademais de dirixir a adega, ela é tamén quen elabora o viño e está tratando de innovar e diversificar. “O mundo do viño sempre me apaixoou, así que comecei a formarme e hoxe fago microvinificacións de mencía”, conta.
Hai elaboracións, como os viños espumosos, que son interesantes aínda que non entren dentro da Denominación de Orixe
O ano pasado fixeron, por exemplo, un viño espumoso que pensan repetir coa colleita deste ano. “Penso que hai elaboracións que son interesantes aínda que non entren dentro da Denominación de Orixe”, xustifica.
Outra das estratexias que está a seguir é a de aumentar a produción de viño branco. “Temos moi pouco branco, tan só uns 2.500 litros, e acabámolo enseguida, dúranos só 3 meses”. O viño branco da adega Os Cipreses é un plurivarietal que ten un 60% de treixadura e o resto de godello e albariño. “Ese coupage é o que diferenza o noso viño branco, polo que imos plantar máis uva branca pero mantendo a proporción entre esas tres castes”, explica.
“Non podemos deixar que se perdan as receitas e os produtos tradicionais que temos no rural”
Tamara Castro é a segunda xeración á fronte da panadaría que en 1986 montaron en Taboada os seus pais Darío e Elia. Facían pan, empanadas e doces artesáns, que vendían a nivel local, pero desde fai dous anos ela propúxose “ir máis aló”.
Así que decidiu crear unha marca, Sacrapastas , coa que dar a coñecer fóra das fronteiras do municipio as galletas que se facían na parroquia taboadesa de Xián e recuperar de paso outras receitas tradicionais vinculadas ao territorio da Ribeira Sacra.
As galletas da parroquia de Xián eran feitas entre dúas pranchas de ferro que se quentaban na lareira. Dona Carmen, que vivía na Casa Grande do lugar, prestaba aquel molde ás casas veciñas até que a emigración a Suíza trouxo as primeiras pranchas eléctricas, nas que se facían 4 gallegas cada vez.
“As mulleres elaboraban esas galletas nas casas da aldea para ilas vender ás feiras, pero fóronse facendo maiores e deixaron de ir, así que nolas traían a nós á panedería para que llelas venderamos alí”, lembra Tamara.
Na parroquia de Xián, en Taboada, as mulleres elaboraban galletas nas casas para vendelas na feira
Elia, a nai de Tamara, protexeu durante anos aquel tesouro, unha receita orixinal que agora a súa filla pretende popularizar, mantendo a estética orixinal, o modo de elaboración e os ingredientes. “Buscamos achegarnos o máis posible aos da casa: ovos campeiros, fariña sen aditivos, manteiga galega de calidade, azucre e raspa de limón”, detalla.
Para reducir a man de obra que require elaborar unha por unha cada galleta, Panadería Darío preparou un molde na que se fan 24 de cada vez, cada unha delas cunha serigrafía diferente na que se plasman distintos elementos da arte románica da Ribeira Sacra, como os rosetóns das igrexas ou outro tipo de simboloxía.
O produto final leva o selo de Artesanía Alimentaria, que certifica un modo de elaboración non industrial. Tamara destaca que o sabor tamén lembra ao de antes e valora a reacción dos clientes nas feiras ás que acode. “O máis bonito cando a xente que as proba che din que viaxan no tempo aos sabores da infancia. É moi gratificante dar a coñecer os produtos que temos no rural noutros ámbitos onde son moi valorados”, asegura.
“Tiñamos xa produción e quixemos tamén transformala; para min ese é o camiño”
Sonia Mere está á fronte de Embutidos Valentina. O home de Sonia, Enrique Rodríguez, leva desde os 14 anos criando e vendendo porcos e desde fai 2 anos decidíronse a transformar a carne que eles mesmos producían.
“Vendiamos para facer a matanza nas casas porcos cebados e tamén para vida. Seguimos mantendo iso pero quixemos tamén elaborar nós. Facemos todo sen conservantes químicos nin colorantes, só con sal e pementón, como se facía nas matanzas nas casas”, contan.
Fan distintos tipos de embutidos (chourizos, salchichóns, lomo, etc) e todo tipo de salazóns. Elaboran nunha nave que teñen en Escairón, onde ademais contan con tenda con venda ao público e espazo para degustación. “Queremos chegar nós directamente ao consumidor final”, indican.
Queremos chegar nós directamente ao consumidor final
Os porcos que son sacrificados para elaborar os embutidos Valentina son alimentados até os 9 ou 10 meses (o último mes e medio cunha mestura de concentrados que inclúe millo, cebada e soia) até que alcanzan entre 130 e 140 quilos/canal. “O resultado é moi diferente ao dun porco industrial que en tres meses sae para o matadoiro”, explica Enrique, que ten tamén varias granxas industriais onde ceba uns 5.000 porcos.
Na tenda de Escairón, ademais dos embutidos e salazóns que eles fan, tamén se poden mercar outros produtos da zona, como mel, queixos, viño ou aceite, que son elaborados por outros produtores das comarcas de Chantada, Quiroga ou Monforte. “Procuramos ter os máximos produtos posibles dos nosos veciños”, defenden.
Sonia e Enrique xa miran ao futuro. Puxéronlle á empresa o nome da súa filla, Valentina. “Así xa non ten que cambiarlle o nome se quere seguir”, bromea o seu pai.