A Administración ofrece numerosas saídas a profesionais agrónomos
A diversidade das saídas laborais e campos de traballo que ofrece o Corpo de Enxeñeiros Agrónomos do Estado, cuxo cometido se centra nos sectores agrario e pesqueiro
A Administración ofrece un amplo abano de saídas profesionais para as persoas tituladas en enxeñarías agronómicas, segundo puxeron de manifesto a directora do Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal, Irene Suárez, e Joana Castro, funcionaria na Xerencia Territorial do Catastro en Lugo, nunha sesión informativa celebrada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC. No encontro animaron ao estudantado de grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e do Máster Universitario en Enxeñaría Agronómica a contemplar a función pública como alternativa para a súa inserción laboral.
Ambas funcionarias destacaron que na actualidade o Corpo de Enxeñeiros Agrónomos do Estado, unha sección especial da Administración nada en 1855 de xeito parello á profesión, antóllase como un atractivo nicho de emprego para as persoas tituladas en enxeñarías agronómicas. Tamén lembraron que nos últimos anos as administracións públicas apenas están a cubrir un terzo das prazas ofertadas.
A remuda xeracional por xubilacións ou a ordenación territorial son algúns dos motivos polos que se multiplicarán as ofertas na Administración
O Corpo de Enxeñeiros Agrónomos do Estado ofrece unha ampla variedade de saídas laborais e campos de traballo que se centran nos sectores agrario e pesqueiro e abrangue tarefas diversas que van desde a produción agroalimentaria, o desenvolvemento da súa industria, o seguimento e control da cadea alimentaria, as infraestruturas agrarias ata, entre outras, a ordenación do territorio, xunto coa obrigada remuda xeracional por mor das xubilacións, reforzan o atractivo e multiplican as oportunidades de emprego que ofrece actualmente a Administración para as persoas tituladas en enxeñarías agronómicas.
Rosa Romero, directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, salientou a boa acollida que tivo esta acción informativa entre o alumnado. Nela, puidéronse comprobar as múltiples contribucións que pode facer a enxeñería agronómica desde a Administración, un abano de actividades que vai desde a promoción e conservación do medio natural, a loita contra o cambio climático, innovación na industria agroalimentaria e, por extensión, no medio rural, producións e mercados agrícolas e gandeiros, sanidade e hixiene vexetal e forestal, control de fitosanitarios en fronteiras, economía e estatísticas agroalimentarias, laboratorio, catastro e valoración agraria etc.