A décima edición das Xornadas PROePLA centrarase na moratoria do eucalipto
O evento, organizado pola USC en setembro en Lugo, busca fomentar un debate técnico e plural sobre a expansión do eucalipto en Galicia

Imaxe de arquivo.
O grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da Universidade de Santiago de Compostela celebrará en setembro a décima edición das súas xornadas anuais na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. Este foro abordará nesta ocasión a moratoria do eucalipto.
A elección do tema realizouse mediante un proceso participativo aberto, no que a moratoria do eucalipto obtivo o 68% dos votos, superando outras propostas como a patoloxía dos piñeiros ou o proxecto Altri.
Conscientes da relevancia e sensibilidade do debate sobre a expansión do eucalipto en Galicia, desde PROePLA sinalan que apostan por “un enfoque rigoroso, plural e baseado en datos contrastados que contribúa a enriquecer a toma de decisións no ámbito da planificación forestal”.
O grupo de investigación fai un chamamento a todas as persoas, profesionais ou entidades que queiran aportar calquera tipo de información sobre este tema ata o 30 de xuño. As contribucións poden enviarse ao correo electrónico actividades@proepla.com ou chamando ao número 982 823 248.
O programa definitivo presentaranse ao longo do mes de xullo. A xornada será de carácter aberto e busca fomentar un debate construtivo e multidisciplinar, integrando a perspectiva de persoal técnico e investigador, propietarios forestais, representantes institucionais e sociedade civil.
Nesta décima edición, o obxectivo das xornadas PROePLA segue sendo o mesmo que teñen desde a súa creación: achegar coñecemento útil que ofreza solucións aos grandes retos do territorio.