Ciencia á Feira achega ao rural galego os grandes retos do territorio a través de trinta vídeos divulgativos

O proxecto de XuvenCiencia pecha a súa terceira edición e prepara novos contidos sobre alzhéimer, soberanía alimentaria e incendios forestais para o curso 2026/2027

Captura dun dos vídeos de Ciencia á Feira

O grupo de innovación docente XuvenCiencia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de pechar a terceira edición de Ciencia á Feira, unha iniciativa de divulgación científica que achega ao conxunto da cidadanía o coñecemento xerado no Campus Terra de Lugo. Nesta edición, o proxecto apostou pola creación dunha trintena de vídeos e materiais audiovisuais centrados en algúns dos principais desafíos que afectan ao rural galego, desde a saúde e a biodiversidade ata a produción de alimentos ou a xestión sostible do territorio.

Os contidos elaborados ao longo do curso abordaron cuestións de gran actualidade como a expansión das carrachas e da avespa velutina, a problemática das superbacterias resistentes aos antibióticos, a xestión da auga, os mercados de carbono ou as aplicacións das micorrizas e dos microenxertos na produción agraria e forestal. Tamén tiveron un papel destacado os montes veciñais en man común e a promoción das vocacións científicas entre as mozas a través da iniciativa Mulleres STEM.

A través destas temáticas, Ciencia á Feira busca trasladar á sociedade o potencial da investigación para dar resposta aos retos ambientais, sociais e económicos que afronta o territorio galego. Os materiais, elaborados integramente en galego, están destinados á súa difusión en centros educativos, asociacións e colectivos, especialmente daqueles municipios e parroquias con menos de 5.000 habitantes.

A iniciativa contou coa participación de persoal investigador das facultades de Veterinaria, Ciencias e Humanidades, así como da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, convertendo resultados científicos especializados en contidos accesibles para públicos diversos. Ademais da produción audiovisual, o proxecto mantén a súa vertente presencial mediante obradoiros e actividades comunitarias inspiradas nas feiras tradicionais como espazos de intercambio de coñecemento.

Os resultados desta edición presentaranse este luns nun acto aberto á cidadanía na Casa do Saber de Lugo, que servirá tamén para avanzar os contidos da edición 2026/2027. Entre as novas liñas de traballo figuran o alzhéimer, coa colaboración da asociación Afalu; a soberanía alimentaria e a capacidade de Galicia para producir alimentos de maneira sustentable; e os incendios forestais, que serán abordados desde unha perspectiva multidisciplinar centrada na prevención, os impactos e a restauración ecolóxica.

Con estas novas propostas, Ciencia á Feira continuará reforzando a conexión entre universidade e sociedade, promovendo unha divulgación científica ligada ás preocupacións reais da cidadanía e ao futuro do medio rural galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *