O Congreso Ibérico de Mocidade Investigadora Campus Terra, un referente para a nova xeración científica

O evento celebrarase entre o 21 e o 23 de outubro. O prazo para presentar comunicacións remata o 30 de xuño

Un equipo do Campus de Lugo desenvolve un estudo xenómico para comprender as dinámicas reprodutivas da árnica. / Imaxe de arquivo.

A segunda edición do Congreso Ibérico de Mocidade Investigadora Campus Terra xa está en marcha e mantén aberto ata o próximo 30 de xuño o prazo para a presentación de resumos de comunicacións. O encontro, promovido polo Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), celebrarase en Lugo os días 21, 22 e 23 de outubro de 2026 baixo o lema “Raíces do coñecemento”.

O congreso nace coa vocación de converter a mocidade investigadora na protagonista, creando un espazo de encontro para compartir resultados científicos, establecer novas colaboracións e fortalecer redes de contacto entre investigadores e investigadoras de toda a Península Ibérica. A iniciativa está dirixida a estudantes de grao e mestrado, persoal predoutoral e novo persoal investigador, tanto da USC como doutras universidades, centros de investigación e institucións.

As persoas interesadas en participar mediante a presentación dunha comunicación deberán remitir un resumo da súa proposta antes do 30 de xuño. Ademais, o prazo de inscrición para asistir ao evento permanecerá aberto ata o 14 de outubro.

Desde a organización destacan que o principal obxectivo deste encontro é “crear un ambiente de intercambio e colaboración entre a mocidade investigadora ibérica”, ao tempo que se ofrece un espazo de formación, divulgación e orientación para quen está a iniciar ou consolidar a súa carreira científica. Neste sentido, o congreso pretende contribuír ao desenvolvemento de competencias de liderado, comunicación e traballo en rede, aspectos cada vez máis valorados no ámbito da investigación.

O programa reunirá traballos relacionados con áreas estratéxicas para o desenvolvemento sostible e a innovación, entre as que destacan a produción vexetal e a agricultura sostible, a produción e saúde animal sostibles, a alimentación segura e saudable, a xestión forestal sostible, o cambio climático, a biodiversidade e as infraestruturas verdes, o enfoque One Health e a sociedade e economía no medio rural, ademais doutras temáticas de carácter transversal.

Co lema “Raíces do coñecemento”, o Congreso Ibérico de Mocidade Investigadora Campus Terra aspira a consolidarse como un foro de referencia para a nova xeración científica, favorecendo o intercambio de coñecementos e a creación de sinerxías que impulsen futuras colaboracións e proxectos de investigación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *