Dous cursos de innovación alimentaria no Campus Terra: huitlacoche e control de patóxenos
As actividades abordarán o potencial do fungo huitlacoche como nova produción agrícola, vinculada ó millo, e as técnicas máis avanzadas para a detección e control de patóxenos alimentarios

O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela reforza a súa aposta pola formación especializada no ámbito agroalimentario cunha nova programación de cursos que afondan en dous ámbitos de crecente interese para o sector: a innovación na produción agrícola e a seguridade alimentaria. As actividades, que se desenvolverán entre finais de xuño e principios de xullo, están dirixidas tanto a profesionais como a persoas interesadas en coñecer novas oportunidades de desenvolvemento vinculadas ao rural e á industria alimentaria.
Huitlacoche
Un dos cursos programados leva por título Teoría e práctica da produción de huitlacoche e desenvolverase os días 26, 29 e 30 de xuño, así como o 1, 20 e 21 de xullo na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Coordinado por Cristina Cabaleiro, o programa combina formación teórica e práctica en aula e invernadoiros, ademais de incluír degustacións de produtos elaborados con este fungo, moi demandado na alta cociña.
A iniciativa pretende dar a coñecer o potencial do huitlacoche, nome co que se coñece en México ao fungo Ustilago maydis, tradicionalmente considerado unha praga do millo (o caruncho do millo) pero que noutros países é apreciado como alimento de alto valor gastronómico. O curso analizará as posibilidades da súa produción en Galicia empregando variedades tradicionais de millo e explorará o seu encaixe na gastronomía galega e na cociña de autor.
O programa contará coa participación de especialistas como Sonia Expósito Goás, Rodrigo García Cano, Lucía Freitas e Daniel M. Carrera, e abordará cuestións relacionadas coa bioloxía do fungo, a súa produción agrícola, a inoculación artificial, a recolección e conservación, así como as oportunidades de negocio que podería xerar no rural galego.
Control de patóxenos alimentarios
Por outra banda, a Facultade de Ciencias acollerá entre o 29 de xuño e o 1 de xullo o curso Novos métodos de detección e control de patóxenos alimentarios e aplicación de bacteriófagos para o seu control, coordinado por Alexandre Lamas Freire e Isidro García Meniño.
Esta acción formativa céntrase nun dos principais desafíos actuais da cadea alimentaria: a prevención e control dos microorganismos responsables de enfermidades transmitidas polos alimentos. Os participantes adquirirán competencias prácticas en técnicas innovadoras de detección molecular de patóxenos e coñecerán o potencial dos bacteriófagos, virus capaces de eliminar bacterias específicas, como alternativa aos métodos tradicionais de control.
O curso desenvolverase no Laboratorio 15 da Facultade de Ciencias en horario de mañá e será impartido polos propios coordinadores, xunto con Alejandro Garrido Maestu. A formación permitirá achegar aos asistentes ferramentas de aplicación directa tanto na investigación como na industria alimentaria, contribuíndo a mellorar os sistemas de control e a resposta ante posibles riscos para a seguridade alimentaria.
Con estas dúas propostas, o Campus Terra continúa promovendo actividades formativas orientadas á transferencia de coñecemento e á innovación, favorecendo a conexión entre a universidade, o sector produtivo e a sociedade.



