Inauguran a Rede de Calor con Biomasa do Campus de Lugo
Esta infraestrutura permitirá avanzar cara a unha universidade máis sostible e comprometida coa súacontorna, xa que evitará o 93 % das emisións asociadas actualmente á calefacción dos edificios conectados

A Rede de Calor con Biomasa do Campus de Lugo foi inaugurada pola reitora da USC, Rosa Crujeiras. Esta infraestrutura busca “avanzar cara a unha universidade máis sostible, máis eficiente e máis comprometida co seu contorno”. Deste xeito, sinalou a reitora, “pásase dun modelo baseado en combustibles fósiles a un modelo baseado nun recurso renovable e de proximidade como a biomasa forestal”.
Esta é unha actuación permitirá dar servizo de calefacción e auga quente sanitaria a nove complexos universitarios e vinte salas de caldeiras. Ademais, esta rede axuda a reducir máis de dous millóns de quilogramos de CO₂ ao ano e evitar aproximadamente o 93,75 % das emisións asociadas actualmente á calefacción dos edificios conectados.
No Campus de Lugo existe unha importante demanda térmica concentrada en varios edificios moi próximos, alimentados ata o de agora con caldeiras independentes de gasóleo e gas, existindo por tanto un elevado potencial para reducir significativamente as emisións de CO2 e o custo económico da subministración térmica. Dese contexto xorde a necesidade da instalación dunha central térmica alimentada con acha e unha rede de calor subterránea que alimente os diferentes edificios.
A rede alimenta nove complexos consumidores, co conexionado de vinte salas de caldeiras. Asemade, a nova edificación destinada a sala centralizada de caldeiras concentra cinco caldeiras e un silo de capacidade suficiente para alimentar de forma simultánea a todos os centros, con autonomía superior aos quince días, habilitándose tamén unha zona de manobra e descarga para os camións que fornezan a acha da que se nutre esta rede de calor.
Acompañaron á reitora no acto inaugural Roberto Bande Ramudo, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo; Pablo Durán Santomil, vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade; Juan Díaz Villloslada, xerente da Universidade de Santiago de Compostela; Pablo Rivera Capón, deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo; Juan A. Vidal Herrador, subdirector xeral de Enerxías Renovables; Asteria Luzardo Álvarez, decana da Facultade de Ciencias; Fernando Vargas Capilla, xerente de FORESGA; Iago Piñeiro Somoza, director técnico de servizos enerxéticos de FORESGA; e Fernando Solla-Gullón, director de operacións de FORESGA.
A inversión realizada superou os catro millóns de euros e contou coa apoio da primeira Convocatoria de Programas de Incentivos a proxectos de redes de calor e frío que utilicen fontes de enerxía renovable, no marco do ‘Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia – Financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU’. Os edificios incluídos nesta rede de calor son a Facultade de Veterinaria, o Instituto Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, a Facultade de Administración e Dirección de Empresas, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, o Edificio Cactus, a Biblioteca Intercentros, o Complexo Docente, a Facultade de Ciencias e a Residencia Bal y Gay.



