“A potencialidade de Galicia para a produción ecolóxica é inmensa, perdemos cartos por non aproveitala”
Investigadores do Campus Terra da USC analizan a situación da produción ecolóxica en Galicia ao abeiro do proxecto Agroecoland, no que tamén participan dúas universidades de Barcelona e a Pablo Olavide de Sevilla
Galicia antóllase como un verdadeiro paradoxo agroecolóxico por mor dos múltiples desfases advertidos entre algúns dos diferentes parámetros ligados coa produción agroalimentaria, sobre todo no volume de negocio derivado da transacción ou comercialización deste tipo de produccións, pois no caso dos cárnicos de vacún, deparan unhas cifras moi inferiores ás proxectadas en calquera proxección económica.
A análise das causas que propician esta fenda entre potencialidades produtivas e dimensión real da producción ecolóxica en Galicia é unha das liñas de traballo que ocupa desde o pasado ano aos investigadores do Campus Terra da USC Mª do Mar Pérez Fra, Ana Isabel García Arias, Bernardo Valdês Paços e Ibán Vázquez González, do grupo Economía Agroalimentaira e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc), e a David Soto, do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, implicados no proxecto Paisaxes agroecolóxicas e sistemas alimentarios: pasado, presente e transicións futuras (Agroecoland), unha iniciativa liderada pola Universidade de Barcelona financiada, no caso da USC, con máis de 50.000 euros polo Ministerio de Ciencia e Innovación e no que tamén participan as universidade Autónoma de Barcelona e a Pablo Olavide de Sevilla.
As potencialidades de Galicia para as producións agroecolóxicas son inmensas, sostén Pérez Fra, quen recoñece que os datos económicos non refrendan esta realidade, a pesar de que a agrecoloxía constitúe unha “oportunidade” para xerar riqueza e de que as prácticas deste modelo produtivo están aliñadas cos postulados recollidos no Pacto Verde Europeo, tal e como se coñece a estratexia ou paquete de medidas políticas impulsadas desde a UE para avanzar cara a transición ecolóxica e a neutralidade enerxética.
As potencialidades de Galicia para as producións agroecolóxicas son inmensas
Os obxectivos do Pacto Verde para 2030 contemplan, entre outros retos, que a cuarta parte da superficie cultivada respecte ou se rexa polo modelo de produción en ecolóxico, ademais dunha redución do 50% de fitosanitarios e antimicrobianos. A diminución nun 20% do emprego de fertilizantes e o incremento nun 10% de elementos paisaxísticos de calidade son outras das recomendacións pautadas no Pacto Verde.
Neste contexto, salienta Pérez Fra, a agraoecoloxía preséntase como unha alternativa viable e rendible, variables que aínda acadan máis valor nunha rexión que lidera a produción nacional de leite (40% do total) e que tamén se sitúa entre os principais produtores de carne de vacún de todo o Estado. Aínda así, a porcentaxe de transaccións de produtos ecolóxicos e o volume dos resultados económicos son moi pobres, sinala esta investigadora para, de seguido, precisar que “Galicia produce o 14% da carne de bovino de España, pero só comercializa como ecolóxica o 1,1%, o que implica unha perda”.
Falta de asesoramento técnico aos produtores
As causas deste desfase, que mingua os beneficios do sector, son diversas e contrastan coa progresiva, aínda que non sempre eficiente, transición de modelos produtivos convencionais cara a sistemas en ecolóxico, di Pérez Fra, que apunta a falta de asesoramento técnico a produtores entre os factores que impiden optimizar a rendibilidade das súas producións.
A insuficiencia dos apoios públicos destinados a esta produción, que se centran fundamentalmente, ademais, na concesión de axudas por superficie, contribúen a explicar que Galicia estea á cola na producción ecolóxica a nivel español. Na opinión do persoal investigador da USC implicado no proxecto Agroecoland, o sector precisa de máis apoios para o produtor pero tamén de actuacións vinculadas coa estruturación da oferta ou a transformación industrial.
Necesidade de compras públicas para estimular a demanda
Este grupo de investigadores sinalan que fronte a esta realidade e en aras a revertir a situación, fanse necesarias políticas que contribúan ao control e á dinamización do comercio de produtos en ecolóxico, destacando a importancia das compras públicas para introducir este tipo de produtos sostible e saudables en colectividades e comedores comunitarios, a fin de xeneralizar o consumo e estimular a demanda deste tipo de produtos de calidade.