A xestión forestal conxunta crea emprego, prevén incendios e revitaliza o medio rural

Estas son as principais conclusións ás que chegou o proxecto CARES, orientado a impulsar modelos innovadores de aproveitamento conxunto de resina, castaña e biomasa forestal


O proxecto CARES, orientado a impulsar modelos innovadores de aproveitamento conxunto de resina, castaña e biomasa forestal, conclúe a súa execución con resultados que avalan o potencial destes recursos naturais para xerar emprego rural, mellorar a xestión activa e sostible dos montes e reducir o risco de incendios forestais no noroeste peninsular.

Ao longo deste proxecto, de dous anos de duración, desenvolvéronse e transferíronse modelos produtivos que combinan aproveitamentos forestais complementarios, fomentando unha silvicultura máis activa e multifuncional, especialmente en territorios rurais e despoboados. En total, leváronse a cabo traballos de prevención de incendios en 38,6 hectáreas e xestionáronse 93,5 hectáreas para a extracción de resina e castaña.

Estas actuacións permitiron recoller máis de 20.000 quilos de resina e preto de 10.000 quilos de castaña, demostrando a viabilidade técnica e económica destes aproveitamentos cando forma parte dunha xestión forestal conxunta e planificada.

Un dos avances máis relevantes do proxecto foi a mellora das metodoloxías de extracción mecanizada de resina, que lograron resultados de produción comparables —e mesmo superiores— aos métodos tradicionais. O proxecto CARES tivo un impacto especialmente significativo en comunidades como Asturias e Galicia, onde os aproveitamentos forestais desenvolvidos mostráronse plenamente compatibles con outros usos tradicionais do monte.

Durante o desenvolvemento do proxecto quíxose aplicar e transferir todo o coñecemento aos actuais modelos de xestión silvícola dos piñeirais atlánticos

En boa parte das súas actuacións o proxecto CARES mostrou a súa aposta por un modelo de desenvolvemento rural inclusivo, onde a igualdade de xénero é unha ferramenta esencial para revitalizar os territorios. Reducir a masculinización do sector foi prioridade do proxecto, facendo fincapé nas posibilidades das mulleres para iniciarse nestas actividades a través de formacións específicas.

O consorcio que levou a cabo esta iniciativa está formado polo grupo de investigación PROePLA da Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación CETEMAS (coordinadora do proxecto), a Fundación Cesefor, PEFC España e a asociación de propietarios ‘Juntas de Montes de Asturias’ (JUMA). Durante o desenvolvemento do proxecto quíxose aplicar e transferir todo o coñecemento xerado nos últimos anos polos socios tecnolóxicos que participan no consorcio aos actuais modelos de xestión silvícola dos piñeirais atlánticos e en zonas especialmente despoboadas onde coexisten con outros aproveitamentos.

CARES foi sido posible grazas ao apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *