Ábrese a convocatoria da III Terra Creative Jam coa que buscan proxectos para reinventar o medio rural
A mocidade da Universidade de Santiago de Compostela pode participar neste evento que se desenvolverá os días 18 e 19 de novembro
A residencia universitaria Jesús Bal y Gay, da sede da Universidade de Santiago de Compostela (USC) de Lugo, acollerá a terceira edición da Terra Creative Jam, un evento creativo e de xeración de ideas innovadoras para reinventar o rural. Esta actividade está organizada polo Campus Terra da USC e a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC xunto coa incubadora Lug Open Factory. O programa levarase a cabo os días 18 e 19 de novembro e xa se pode formalizar a inscrición ata o 17 de novembro ás 14:00 horas e é totalmente gratuíta.
A III Terra Creative Jam está dirixida a estudantes e titulados da sede universitaria luguesa e tamén dos campus de Compostela. O programa abordará varias temáticas como a economía verde, a produción eficiente e sostible; a educación inclusiva e de igualdade; o emprendemento dixital e uso das TICS no rural; as industrias creativas e sector audiovisual; a alimentación e vida saudable e a busca do benestar animal e mellora dos ecosistemas. Todos os servizos e produtos que desenvolvan deberán estar ligados ás temáticas propostas.
Premios para os mellores proxectos
As persoas participantes terán que facer equipo e contarán cunha primeira xornada de ideación, con xogos de creación de ideas e proxectos sostibles, formación con workshops específicos, prototipos con maquinas 3D, gamificación, drons, realidade virtual e podcast e actividades deportivas con kaiak no río e escalada no rocódromo. A segunda xornada consistirá nun Hackaton, no que as persoas participantes, agrupadas por equipos, traballarán no seu prototipo para crear a súa solución e expoñela diante do xurado.
Os tres mellores prototipos de proxecto terán unha praza para todo equipo na Residencia formativa Lof Talent e no Programa de emprendemento Explorer USC. Ademais, cada un dos membros do equipo gañador recibirá varios premios como cámaras tipo GoPro, impresoras 3D-mini e tablets, entre outros.