Alicia Lourenzo, Inés Seoane e Rocío López, gañadoras dos VIII Premios Enxeñaría e Muller Rural
O certame distinguiu os seus Traballos de Fin de Grao, sendo as propostas mellor valoradas polo xurado. Así mesmo, durante a xornada aproveitouse para poñer en valor o importante cometido e a fonda pegada das mulleres enxeñeiras no medio rural
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC distingue cos VIII Premios Enxeñaría e Muller Rural, un certame promovido desde a Comisión de Igualdade de Xénero do centro universitario lugués para poñer en valor o importante cometido e a fonda pegada das mulleres enxeñeiras no medio rural, así como as propostas presentadas polas graduadas na Escola Alicia Lourenzo Lourido, Inés Seoane Conde e Rocío López Juanes.
A graduada en Robótica, Alicia Lourenzo Lourido, amosou neste acto a temática abordada no Traballo Fin de Grao (TFG) titulado ‘Deep Learning en el Borde’, unha proposta innovadora e con aplicación industrial que aposta pola emprego de visión artificial xunto coas redes neuronais para substituír o tipo de sensórica que se emprega actualmente nos procesos
Unha temática diferente é a tratada pola graduada en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Inés Seoane Conde no TFG titulado ‘Análise das propiedades mecánicas de masas de Pinus Pinaster resinado para o seu aproveitamento como madeira estrutural’. O xurado valorou tamén neste caso a excelente calidade da memoria, a alta aplicabilidade da investigación e o seu carácter innovador, dado que o actual aproveitamento para resinación de masas de P. pinaster en Galicia demanda un maior coñecemento das súas propiedades mecánicas para o seu emprego construtivo, unha vez que estas masas se aproximen ao momento da corta.
A tamén graduada en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na EPSE Rocío López Juanes tamén resultou galardoada nos VIII Premios Enxeñaría e Muller Rural polo TFG ‘Cebo ecolóxico para 270 becerros en Pedrafita do Cebreiro’. Neste proxecto, a autora, alén de cumprir cos diversos requirimentos técnicos, legais, etc., responde tamén ás demandas e aos intereses manifestados por unha gandeira de Pedrafita do Cebreiro que decidiu inverter no medio rural e incorpora as súas suxestións ao traballo final.
As tres alumnas premiadas nesta edición do certame, que contempla cunha dotación económica de 400 euros para as autoras galardoadas, tiveron a oportunidade de expoñer os seus respectivos Traballos de Fin de Grao, que responden ás tres propostas mellor valoradas polo xurado.
Durante a sesión, a delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; a directora da EPSE, Rosa Romero, e a presidenta da comisión de xénero de este centro universitario lugués, Dolores Fernández, salientaron na sesión de entrega dos galardóns a importancia da muller no eido das enxeñarías e, especialmente, as súas múltiples contribución ao medio rural.