Conservación de hábitats de interese comunitario na montaña grazas ó silvopastoreo
O proxecto RuraltXa avanza na mellora dos ecosistemas de monte en conxunto con comunidades e propietarios do Xistral, a Faladoiro, a Groba e Monte Maior
O proxecto RURALtXA!, unha iniciativa de cooperación vasco-galega, está a traballar na protección e recuperación de hábitats de interese comunitario, como pastos, queirogais e turbeiras. Ata o momento, identificáronse e avaliáronse unhas 23.000 hectáreas: 11.000 en Galicia e 12.000 en Euskadi.
Este traballo implica máis de 250 comuneiros galegos e 130 en Euskadi, que desenvolven actividades tradicionais como a gandería extensiva, o manexo de cabalos salvaxes e a apicultura.
O obxectivo do proxecto é revalorizar estas actividades non só como fonte de alimentos de calidade, senón tamén pola súa contribución no mantemento da biodiversidade e dos hábitats de montaña.
Recentemente, RURALtXA! celebrou o seu primeiro seminario en liña cunhas fases iniciais centradas na caracterización dos hábitats e na súa recuperación a través de accións de restauración e mantemento das actividades tradicionais nas áreas piloto do proxecto.
Redes de colaboración e ferramentas innovadoras
En Galicia, o proxecto conta cunha rede de 122 integrantes que está a traballar da man da Fundación Juana de Vega no desenvolvemento de ferramentas de márketing para mellorar a comercialización dos produtos locais.
En Euskadi participan 33 profesionais da gandería e 20 entidades do sector, centrados en definir necesidades formativas, de asesoramento ou promoción de produtos, contribuíndo a mellorar a viabilidade das explotacións que utilizan os pastos comunais de montaña.
Plans de manexo
Un dos logros destacados é a creación de plans de manexo para cada área piloto. En Galicia xa se adheriron oito Comunidades de Montes mediante acordos de custodia coa Asociación Galega de Custodia do Territorio, cubrindo 13.000 hectáreas das cales 5.500 son de interese comunitario.
No ámbito da restauración, realizáronse actuacións en 148 hectáreas, incluíndo rozas en queirogais, retirada de arborada en turbeiras e medidas para a recuperación de cabalos salvaxes. Tamén se probaron novas técnicas como queimas prescritas, controis de fentos con rulos especiais e colares de xeoposicionamento con valado virtual para o gando.
Apoio institucional
O proxecto conta co respaldo da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.
En Galicia, traballa con 23 comunidades de montes e propietarios privados en catro áreas piloto: ZEC Serra do Xistral, ZEC Monte Maior, Serra da Faladoira e Serra da Groba. Son socios de RURALtXA! a USC, a Universidade da Coruña e HAZI do Goberno Vasco.