Exame á agudeza sensorial aplicada a produtos lácteos
A Aula de Productos Lácteos do Campus Terra organizou un Obradoiro no que as persoas participantes afondaron na fisioloxía da percepción
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC (APLTA) segue poñendo a proba a agudeza dos sentidos a través dun obradoiro teórico-práctico sobre análise sensorial de produtos lácteos incluído no Plan Formativo Campus Terra 2024. A acción foi impartida o pasado xoves por María Paz Fernández-Albalat Ruiz, responsable do laboratorio de análise sensorial da APLTA. Esta sesión permitiu afondar na fisioloxía da percepción así como na análise sensorial aplicada a leite, iogures, manteiga e queixos.
O proceso de avaliación e comprensión das propiedades sensoriais dos alimentos (aparencia, aroma, sabor, textura e mesmo o son que emiten) posibilita a tradución das experiencias sensoriais subxectivas en datos obxectivos e cuantificables. “Malia que a formación en análise sensorial é escasa en España, é un campo moi demandado pola industria alimentaria porque aumenta a súa competitividade e axuda a tomar decisións estratéxicas, nomeadamente na liña da investigación da resposta dos consumidores”, explican dende a APLTA.
A análise sensorial utilízase nas empresas para desenvolver produtos novos, mellorar os xa existentes ou os seus procesos de elaboración, seleccionar novos provedores, estudar o mantemento da calidade, controlar a estabilidade organoléptica durante a vida útil dos produtos, comparar un produto co dun competidor, estudar reclamacións de clientes ou explorar as preferencias do consumidor. Despois de realizar probas de agudeza visual e de traballar as sondas discriminativas e os limiares sensoriais, o alumnado do curso procedeu a avaliar sensorialmente leite, iogures, manteiga e diferentes tipos de queixo seguindo as pautas indicadas pola formadora.
Atendendo ás necesidades formativas dos sectores profesionais da economía galega, o Campus Terra optou por incluír unha vez máis o obradoiro teórico-práctico de análise sensorial en el programa de formación anual que inclúe preto de 40 accións. O Campus de Especialización Campus Terra, financiado pola Consellaría de Educación, busca ampliar as competencias do seu estudantado e PDI, así como do tecido empresarial e dos axentes produtivos coa posta en marcha do programa de accións formativas estruturado en diversos cursos de temáticas específicas.