Forext.eu debate en Lugo iniciativas a favor dun aproveitamento óptimo dos bosques
O Campus Terra foi a sede para o intercambio de ideas e coñecementos para avanzar na xestión sustentable e eficiente das superficies forestais
A rede europea de extensión forestal Forext.eu debate esta semana ideas innovadoras a prol do aproveitamento óptimo dos bosques no vello continente. O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) foi a sede para esta reunión de traballo, que estivo comandada pola coordinadora do grupo de investigación Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos, Rosa Mosquera, e tamén estiveron os integrantes desta rede europea de asesoramento ou extensión forestal Antonio Rigueiro, Juan Luis Fernández Lorenzo, Nuria Ferreiro e Javier Rodríguez Rigueiro. A finalidade deste proxecto é poñer en valor a relevancia socioeconómica das superficies forestais e favorecer a mellora da súa rendibilidade.
A celebración desta reunión de traballo encádrase no programa rotatorio de xuntanzas que celebra a rede cada dous anos nos distintos países das entidades que a forman. Mosquera salientou a relevancia de Galicia no contexto forestal europeo: “Galicia é a segunda rexión de Europa con maior superficie forestal e produce a metade da madeira de España. Os cometidos de Forext.eu teñen especial repercusión para a comunidade galega”.
Nestes foros participan un bo número de docentes, investigadores e representantes de asociacións forestais de España e de Europa. Ademais, son un espazo de intercambio de coñecemento e tamén das experiencias que se están a desenvolver nos países cunha actividade forestal máis puxante e con sectores máis desenvoltos, tal e como é o caso de Alemaña. Mosquera lembrou que esta rede pode actuar tamén como chave para que as institucións europeas concedan máis importancia á cuestión forestal e para promover e solicitar novos proxectos de I+D con aplicación e incidencia real nos territorios.
Os congresistas visitarán Friol para coñecer as iniciativas de conservación de superficies forestais implantadas no municipio
Este novo foro serviu para dar un novo pulo á bioeconomía a través da optimización do aproveitamento dos recursos forestais e da implantación de prácticas de xestión sustentable orientadas cara a creación de cadeas de valor e de subministración máis sostibles.
Mosquera indicou que a comitiva europea participante neste foro da rede Forext aproveitará a súa estadía na capital luguesa para coñecer de primeira man algunhas das iniciativas postas en marcha por este grupo do Campus Terra da USC no Concello de Friol. Ata alí desprazaranse este xoves todos os congresistas para ver iniciativas de conservación de superficies forestais con liñas eléctricas con gando cabrún, explotacións forestais con porco celta e cabalos ou sistemas agrofestais que inclúen plantacións de millo e cereais. O programa inclúe tamén un desprazamento ata Boimorto para ver iniciativas de xestión e conservación de bosques sustentables.