Investigadores da Escola Politécnica conclúen que a época de recolección determina a calidade dos cogomelos
O grupo operativo Cogomelos+ afirma que o 55 % dos 'boletus' recollidos entre outubro e decembro son recursos micolóxicos de primeira categoría
Investigadores do grupo Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES), no marco do grupo operativo Cogomelos+, determinaron que a época de recolección ten influencia capital na calidade dos cogomelos, máis alá do estado de desenvolvemento de cada peza e do diámetro do seu sombreiro; este parámetro vese afectado polo agusanamento.
O obxectivo principal desta liña de I+D é a mellora da xestión dos piñeirais para a produción múltiple de madeira e cogomelos silvestres a través da avaliación da produtividade en piñeirais baixos, con distintas intervencións de clara e de desbroce. Estas actuacións permitiron analizar e clasificar en tres categorías (primeira, segunda e terceira) 201 exemplares correspondentes a dúas especies: 155 de Boletus pinophilus e 46 de Boletus edulis.
Na investigación determinaron que os cogomelos de máis calidade teñen o himenio branco ou crema, mentres que as cores amarela ou verdosa corresponde a calidades de segunda ou terceira categoría.
Cabe destacar que a normativa que regula os aproveitamentos micolóxicos en Galicia non específica dimensións mínimas, aínda que non permite a recollida de exemplares nas primeiras fases de desenvolvemento e cun tamaño excesivamente pequeno, uns requirimentos mínimos que, segundo os investigadores, consideran que cumpren os exemplares cun diámetro de sombreiro superior a 5 centímetros.
As relacións entre peso en fresco e diámetro do sombreiro, así como as funcións de densidade de probabilidade das diferentes calidades ligadas ao diámetro, xunto coa consideración de niveis de prezos de referencia por peso para cada calidade permitiron aos autores do estudo determinar os rangos óptimos de diámetro para o valor de cada exemplar recollido.
Segundo constata a investigación, a época de recolección destas especies ten unha influencia notable na calidade destes recursos micolóxicos. Por iso, os resultados obtidos deste estudo, que contempla catro períodos de recollida para estas especies, revelan que só un 11 % dos exemplares recollidos na fase temperá (setembro) cumpren cos parámetros esixidos para a súa catalogación como boletus de primeira categoría.
Este promedio de máxima calidade elévase ao 55 % no caso dos exemplares recollidos entre outubro e decembro e incluso ao longo do mes de xaneiro. O traballo de campo de catro anos realizado ao abeiro deste estudo permitiu advertir tamén que máis da cuarta parte (26 %) dos B. pinophilus, recollidos fundamentalmente nos meses de abril e maio, correspóndense como cogomelos de primeira calidade.