Lugo ultima o Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora
Este foro reunirá do 14 ó 16 de outubro persoal investigador dunha ducia de universidades e centros de investigación de Portugal, Paraguai, Brasil, México e España
O Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra, que se celebra por primeira vez, superou o cento de persoas inscritas e converterá Lugo na capital da investigación e divulgación científica entre o 14 e o 16 de outubro. O evento contará cun amplo e diverso programa que reúne especialistas de máis dunha ducia de institucións.
O foro abordará nove liñas de pescuda, como a produción vexetal e animal sostible, a xestión forestal, a alimentación saudable, tecnoloxías da información e comunicación, tecnoloxías ‘ómicas’, cambio climático, unha única saúde e a historia e cultura no medio rural.
A asistencia ao congreso é aberta e non require inscrición previa, ata completar aforo. Dende a organización animan á comunidade universitaria e á cidadanía a achegarse para coñecer as investigacións desenvolvidas pola nova xeración de investigadores. Entre os participantes destacan especialistas procedentes de institucións como a UVigo, UDC, Universidade Federal de Viçosa (Brasil) e Universidad Nacional Autónoma de México, entre outras.
O programa inclúe preto de 70 presentacións orais e 40 pósters que poderán consultarse en liña. Entre as actividades destaca a sesión ‘Impulsando a investigación: novidades e estratexias nas convocatorias para persoal investigador pre e postdoutoral’, que terá lugar o martes 15 de outubro, de 15.30 a 17.30 horas. Nesta mesa debullaranse as oportunidades de formación de persoal investigador ofrecidas pola Xunta de Galicia, a Agencia Española de Investigación e o European Research Council, así como outras institucións.
Ademais, o mércores 16 celebrarase a sesión ‘Colaboración universidade e empresa: raíces para un futuro sostible’, de 16.00 a 18.00 horas. Nesta xuntanza, representantes de empresas aliñadas coas liñas de investigación do congreso presentarán os seus plans de investigación, as necesidades de persoal e comentarán a súa opinión sobre a formación impartida noutras universidades.
O principal obxectivo do congreso é crear un ambiente de encontro e intercambio entre a mocidade investigadora ibérica para fomentar colaboracións e promover o Campus Terra de Lugo como referente en sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra.